O Psoe denuncia o suposto “reparto caciquil de fondos publicos” da deputacion

Pleno Extraordinario Deputación Ourense. Asisiten Manuel Baltar (Presidente Deputación); Rosendo Fernández (VicePresidente 1); Placido Álvarez Dobaño (VicePresidente 3º); Pablo Pérez Pérez (Deputado PPOU); Rafael Rodríguez Villarino (Deputado PSOE); José Ignacio Gómez Pérez (Deputado PSOE); Montserrat Lama Novoa (Deputado CS); Jose Miguel Caride Domínguez (Deputado DO); Bernardo Varela López (Deputado BNG).

O partido de Jácome e a tránsfuga, Montse Lama, vitorearon hoxe o reparto caciquil de fondos públicos que Manuel Baltar practica na Deputación de Ourense, antes de votar en contra de acabar con estas “prácticas antidemocráticas” cuestionadas polo Consello de Contas, polos tribunais e que agora están no foco do Tribunal de Cuentas. Unha moción impulsada polo PSdeG-PSOE reclamaba, unha vez máis, un sistema xusto e equitativo e instaba a que FEMP e Goberno central regulen mediante unha norma este proceder, a fin de evitar que “como pasa nesta provincia, nove de cada dez euros acaban en mans de municipios goberndos polo PP”.

O voceiro provincial, Rafa Villarino, aseverou que “estamos ante unha deputación que segue a ser unha rara avis” na que “continúa un modelo baseado no control político, social e económico” igual ao que rexía no século XIX, o coñecido caciquismo. “Con esa rede clientelar crean un sistema para manter os resultados das eleccións que é o que realmente lles preocupa”, denunciou o voceiro socialista antes de recordar como “mais da metade dos habitantes desta provincia non están gobernados polo PP e por iso queda fóra destes fondos e servizos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

O deputado instou a Manuel Baltar a “romper coa tradición familiar” deste reparto clientelar permanente “quitando os intereses de partido” e poñendo o foco “só nos intereses dos cidadáns”. “Eu avogo porque as deputacións se democraticen” polo que pediu a todo o pleno “dar un paso adiante”.

No mesmo sentido, o pleno tamén acolleu a decisión do goberno provincial de inadmitir as alegacións presentadas polos socialistas, aos orzamentos de 2022. O vicevoceiro, Nacho Gómez, cualificou como “sinrazón o que fai o PP nesta casa” porque “ou comparten o que di o PP ou son insultados sistematicamente”. “Vostedes están en contra de que os fondos se repartan equitativamente?” preguntou ao voceiro do PP quen cualificou as alegacións como “destrutivas”. O voceiro socialista recordoulle que os fondos da Xunta e do Estado, aínda sendo insuficientes, son distribuídos dunha forma equitativa.

“Non entendemos a incoherencia que ten o PP, amosada ao traer este informe en contra das nosas alegacións”, dixo Gómez antes de recordar como os conservadores cualificaron de “tolemia destrutiva” presentar unhas alegacións “ao igual que fixo e fai o propio PP a nivel nacional ou local noutras ocasións”. O vicevoceiro antes de aseverar que “é normal que vostede estea en contra porque como alcalde de Muíños recibe 100 veces máis desta Deputación que Ribadavia tendo 5 ou 6 veces menos habitantes”.

“O 99 % dos fondos públicos que aprobaron na última modificación orzamentaria e nos orzamentos do próximo exercicio van para concellos do PP e onde hai contas, non hai contos”, replicou Gómez antes de acusar aos conservadores de “non entrar no fondo da cuestión que non lles interesa e que é o verdadeiro problema”.

Nas alegacións, os socialistas defendían que se “execute este gasto cos mesmos criterios de equidade que son a base para o seu financiamento”, a través dos fondos provintes das administracións centrais e autonómica, algo que, insisten, “non sucede”. No referente ás subvencións, aseguraban que Baltar “converteu en regra xeral o que é unha excepción na norma, as subvencións nominativas”, polo que piden “criterios de reparto cuns preceptos previos, razoables e razoados”, co fin de “reconducir” a situación para que prime “como estipula a norma” a concorrencia competitiva.

No referente aos plans provinciais pretendían acadar “normas de obrigado cumprimento, que regulen a distribución territorial dos fondos destinados a investimento, empregando criterios como poboación, superficie do territorio, dispersión dos núcleos de poboación ou niveis de paro, entre outros”. Con isto buscan “superar o actual estado de discrecionalidade masiva e permanente” que “acaba necesariamente en arbitrariedade, cuestión esta inconstitucional”.

O PP veta que Taboadela teña un gran polígono

No pleno de outubro, o PSdeG-PSOE tamén defendeu unha moción instando a transferir á Deputación os terreos que ocuparía o parque empresarial de Tabodela, actualmente en mans do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), co fin de desenvolver proxectos estratéxicos. A proposta foi rexeitada cos votos en contra de PP, DO e a tránsfuga, Montse Lama. O BNG tampouco votou a favor dun proxecto que impulsaría o reequilibrio territorial e sería un importante pulo industrial para o cinto industrial de Ourense.

O deputado, Álvaro Vila, demandou este cambio ante o “abandono” da Xunta con este proxecto porque “xa temos claro que non hai intención algunha de desenvolver actuacións”, polo que agora considera “máis acaído” que sexa o organismo provincial quen xestione eses terreos “que xa son públicos e que actualmente só aproveitan unhas ovellas”.

Vila recordou que existía un proxecto territorial integral denominado “Val da Rabeda”, impulsado polo goberno bipartito da Xunta presidido por Emilio Pérez Touriño “que comprou os terreos”, pero “o PP tombou o plan en canto voltou á Xunta”, a pesar de que “permitiría impulsar o reequilibrio territorial”, reducindo a idea a dous polígonos inconexos. O deputado do PSOE remarcou que “temos en Taboadela máis dun millón de metros cadrados públicos que só producen gran cantidade de toxos e silvas”.

“Pero iso é tempo pasado”, matizou antes de instar ao PP ourensán a “mirar cara o futuro” porque “precisamos de proxectos e non solo público abandonado”. O deputado e alcalde aclarou aos conservadores que non aceptaba a súa emenda porque “non ten nada que ver” coa proposta socialista e porque “desvirtúa” a idea. “A Deputación é incapaz de por sobre a mesa ningún proxecto estratéxico para ese millón de metros cadrados”, denunciou ante a “negativa actitude” do PP ao que acusou de permanecer cunha actitude de “brazos caídos”. “O goberno desta Deputación fai un novo brindis ao sol por non ser capaz de considerar eses terreos como estratéxicos”, insistiu.

No PSdeG-PSOE ourensán insisten en que, ante o “desleixo” da Xunta, primeiro co Val da Rabeda e agora con este polígono industrial, debería ser a Deputación ourensá quen asuma os terreos, co fin de desenvolver estes proxectos estratéxicos. “É lamentable”, concluíu Vila en referencia a negativa do goberno provincial.