O PSOE De Castrelo denuncia ante Sanidade os aumentos de nivel de arsénico na auga en Macendo

O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño vén de remitir un escrito por rexistro destinado a Consellería de Sanidade no que solicitan que se actúe en consecuencia e se tomen as medidas pertinentes ante o que consideran unha “grave” neglixencia do alcalde do Partido Popular, Avelino Pazos, e do seu grupo de goberno. Os socialistas explican que fai uns días o rexedor facía públicas na prensa unhas declaracións nas que afirmaba que na parroquia de Macendo, que engloba a 15 núcleos de poboación, houbo problemas de aumento dos niveis de arsénico na auga, sen embargo, o rexedor “non informou a veciñanza de dita problemática, nin a través de bandos, nin das redes sociais do Concello”, tal e como indican os protocolos de Sanidade.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que esta forma de actuar do máximo representante político do municipio, “ocultando información de saúde pública a veciñanza” é unha “grave neglixencia”, xa que segundo apuntan “co seu xeito de actuar, nun tema de tanta importancia como informar do aumento dos niveis de arsénico, puxo en perigo a saúde dos veciños e veciñas de Castrelo de Miño”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, a situación “é moi preocupante”, xa que segundo explica “ademais de non buscar unha solución definitiva aos problemas de arsénico na auga no noso municipio, o alcalde opta agora polo escurantismo, tratando de non informar á veciñanza do aumento dos niveis, tal e como indican os protocolos”. Por este motivo, a concelleira socialista decidiu por en aviso da situación a Consellería de Sanidade para que tome as “medidas oportunas e evite que este ocultamento de información por parte do goberno municipal se volva a producir”.

Para González a veciñanza “debe ser a prioridade do goberno municipal” e considera que a poboación “ten que estar sempre informada do que acontece no seu municipio e de xeito especial cando se trata de temas que afectan a saúde pública e o uso e consumo da auga”. A voceira dos socialistas de Castrelo de Miño esixe ao rexedor “explicacións públicas” sobre a súa decisión de non publicar bandos informativos e información nas redes sociais oficiais do Concello sobre a subida dos niveis da arsénico na auga e afirma que “non podemos ter constancia desta problemática a través da prensa”. Os socialistas esíxenlle ao goberno municipal que sexa “transparente” e publique bandos informativos cando se produzan este tipo de situacións.

Dende o PSdeG-PSOE na localidade lembran que levan anos loitando por buscar unha solución definitiva aos problemas do arsénico, presentando incluso unha moción na que instaban á Xunta de Galicia á creación dunha nova captación de bombeo no río Miño, que dese servizo ao municipio, xa que no río non existe presencia deste elemento nocivo para a saúde. “A pesar de ser aprobada cos votos do noso grupo e do PP, nada se fixo ata agora, máis que optar por parches que deixan en evidencia que a situación non se corrixe e que a problemática volve a repetirse cada pouco tempo”, finalizan os socialistas.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO