No transcurso da mesma, o presidente da Deputación de Ourense e da EHTTA animou aos asociados a desenvolver estratexias conxuntas para o posicionamento global das cidades termais europeas.
En calidade de presidente da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais, Manuel Baltar liderou este venres a Asemblea Xeral, celebrada no marco dos “Encontros Europeos de Termalismo” que chegan ao seu fin hoxe en Vichy, e animou aos membros da devandita asociación a “desenvolver estratexias conxuntas para o posicionamento global das cidades termais europeas”.
Neste sentido, o presidente da Deputación de Ourense fixo fincapé na fortaleza que presentan os membros desta rede europea ao actuar como “administradores de contornas de turismo de saúde, pero tamén de territorios que teñen un patrimonio inigualable e unha rica oferta enogastronómica, cultural e histórica, o que os converte en destinos moi atractivos para o novo perfil de demanda turística”.
Este encontro de representantes das principais rexións termais europeas permite xerar intercambios de experiencias e coñecementos, así como establecer relacións institucionais como foi o caso da cidade termal de Bursa. Trátase da cuarta cidade con maior poboación de Turquía, cuxo rexedor, Alinur Aktas, propuxo ao presidente da Deputación de Ourense e da EHTTA traballar conxuntamente en liñas de investimento para o desenvolvemento dos territorios.
Na mesa, o presidente da EHTTA, Manuel Baltar, estivo acompañado polos vicepresidentes da EHTTA, Eric Brut (director dos roteiros termais do Macizo Central fancés) e Lorenzo Lucchini (Aquí Termae- Italia); pola directora executiva da EHTTA, Simone Zagrodnik; e exercendo como anfitrión da municipalidade de Vichy actuou Bernard Kajdan.
Entre as actuacións que se presentaron á Asemblea cabe destacar a campaña ” Rediscover” que foi presentada como boa práctica no Foro Anual dos Roteiros Culturais, o pasado setembro. Así como, o impulso da serie ” Globetrotter TV” que creará os primeiros episodios “Ellen´ s Thermal Travel”, destinada a diferentes canles internacionais.