Espazo Común presentará no Carballiño a mesma moción que presentou o Psoe na Deputación de Ourense para que se supriman as subvencións a dedo

IES CHAMOSO LAMAS

Unha vez revisados os datos de 2021, este Concello dá o 90% das subvencións por este mecanismo, cifra que aínda supera a do ente provincial.

Vista a proposta feita para que remate o reparto caciquil de fondos da Deputación, que compartimos plenamente, é hora de que tamén se faga no Carballiño.

HIPER MASIDE

O Concello do Carballiño subiu nos últimos anos o reparto de subvencións directas dun xeito desproporcionado. Este tipo de regalías, non se basean en criterio obxectivo algún e tanto a súa concesión coma a contía só dependen do ben que se leve o interesado co alcalde ou con algún concelleiro ou, nalgúns casos, de que teñan intereses comúns.

No exercizo 2021, máis de 300.000 € (90%) a dedo e apenas 30.000 € (10%) por concorrencia competitiva.

Toda vez que vimos na prensa coma o Grupo Provincial do PsdeG-PSOE presentaba unha moción, daba unha rolda de prensa con participación dun membro do goberno local carballiñés e mesmo que vai emprender unha andaina reivindicativa a Madrid na que participará ese mesmo concelleiro co obxectivo de forzar á Deputación a que abandone a práctica das subvencións a dedo; coidamos que é o momento axeitado para aplicar no noso Concello o mesmo criterio.

Dende Espazo Común, levamos varios anos demandando este cambio na xestión dos recursos que son de todos e non para que uns poucos obren segundo os seus caprichos ou intencións electoralistas.

É por iso que vimos de rexistrar para o seu debate e, estamos seguros que, aprobación no vindeiro pleno do Concello do Carballiño, a mesma moción que os socialistas defenderon na Deputación. Damos por feito que non defenderán aqui o que tanto critican na capital.

MOCIÓN

                 Manuel Vázquez Fernández, Adolfo Nogueira Campo e Érika Paz Rodríguez como concelleiros do Grupo Municipal de Espazo Común deste Concello e en base ao disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das entidades locais e demais normativa que poida resultar de aplicación, presenta, diante do Pleno da Corporación esta  MOCIÓN PARA UN REPARTO XUSTO DAS SUBVENCIÓNS MUNICIPAIS

en base á seguinte  

                                            EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A recadación obtida cos ingresos do IRPF, do IVE, do Imposto sobre Hidrocarburos, dos impostos especiais, etc. repártese entre o Estado, as comunidades autónomas, os concellos e as deputacións. No caso deste Concello, supón unha boa parte dos seus ingresos. Así pois,  nútrese dos recursos tributarios que todos achegamos cando bebemos un vaso de auga, sexa de billa ou de botella, mercamos uns zapatos, botamos combustible ao noso coche ou percibimos unha retribución polo noso traballo. E pagamos os nosos impostos de maneira equitativa, cando se trata de impostos indirectos, coma o IVE, todos iguais segundo sexa o consumo e cando

 se trata de impostos directos, segundo o noso nivel xeral de renda. En cada nivel prodúcese igual trato. Isto é o que denominamos habitualmente como equidade horizontal e vertical do sistema tributario. E debemos lembrar que, baixo esas premisas, estamos a financiar este Concello. Todos e todas. O esperado nun estado social e de dereito coma o noso, é que a administración pública que xestiona o gasto, execute este cos mesmos criterios de equidade que son a base para o seu financiamento. É así neste ente municipal? A resposta é un rotundo non.

Os principios inspiradores da actividade subvencionadora. O artigo 22 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións(LXS), establece dous procedementos para a concesión de subvencións públicas: O procedemento ordinario, que se tramitará en réxime de concorrencia competitiva, o que significa que a concesión se efectúa mediante comparación das solicitudes presentadas, establecendo unha orde de prelación mediante a aplicación dos criterios de valoración establecidos nas bases reguladoras da convocatoria. A concesión directa baséase nuns supostos que se enumeran de forma exhaustiva na propia lexislación. Tal como sinala a exposición de motivos da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (LXS), as subvencións son, desde o punto de vista económico, unha modalidade importante de gasto público e, por tanto, deben axustarse ás directrices da política orzamentaria.

 Desde a perspectiva administrativa, as subvencións son unha técnica de fomento de determinados comportamentos considerados de interese xeral e mesmo un procedemento de colaboración entre a administración pública e os particulares para a xestión de actividades de interese público. Un dos principios que rexe a Lei Xeral de Subvencións, inspirados nos da Lei de Estabilidade Orzamentaria, é o da transparencia. Esta maior transparencia, xunto coa gran variedade de instrumentos que se articulan na lei, redunda de forma directa nun incremento dos niveis de eficiencia e eficacia na xestión do gasto público subvencional. Neste sentido, unha maior información acerca das subvencións fará posible eliminar as distorsions e interferencias que puidesen afectar ao mercado, ademáis de facilitar a complementariedade e coherencia das actuacións das distintas administracións públicas evitando calquera tipo de solapamento. A LXS establece, capitulo I, como réxime xeral de concesión, o de concorrencia competitiva, un réxime que debe permitir facer efectivos os principios inspiradores do outorgamento de subvencións previstos na propia lei. No capítulo III regúlase o procedemento de concesión directa, aplicable unicamente nos supostos previstos na lei, e caracterizado pola non esixencia do cumprimento dos principios de publicidade e concorrencia. Cando se trate de subvencións nas que se acredite a dificultade de convocatoria pública ou existan razóns excepcionais de interese público, social, económico ou humanitario que a desaconsellen. Por tanto, dos principios inspiradores da Lei, aínda que se deduce a necesidade de transparencia e máxima eficiencia e eficacia da actividade subvencionadora das administracións, remítese á capacidade de decisión de cada unha delas, dentro do seu réxime de competencias, para elaborar e desenvolver os plans estratéxicos para levar a cabo tal actividade. Corresponde, por tanto, aos órganos xestores establecer as liñas de actuación e os procedementos para desenvolver a actividade de fomento que as subvencións supoñen. Por tanto, entendemos que se debe corrixir esta deficiencia, salvo que de forma expresa e intencionada se pretenda vulnerar o estipulado na lei.

Contrariamente á regulación do artigo 22 dá Lei 38/2003, Xeral de Subvencións e do artigo 19 dá Lei 9/2007, de Subvencións de Galicia, que dispoñen que o procedemento ordinario de concesión de subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, o procedemento de concesión de subvencións máis empregado polo Concello do Carballiño é a concesión directa nominativa. De feito, no exercizo 2021, a contía das subvencións directas é de máis de 300.000 € e as de concorrencia competivitva apenas acadan os 30.000 € o que supón que o 90 % das axudas son directas e só o 10 % de concorrencia competitiva. Esta porcentaxe supera aínda á da Deputación de Ourense que é do 84 %.

Ademais, durante ou exercizo realizáronse varias modificacións orzamentarias para incluír novos beneficiarios e axudas, indicando asemade que non se cumpre coa obriga de publicidade na Base Nacional de Subvencións en relación coas subvencións nominativas. Por tanto, o Concello do Carballiño converteu en regra xeral o que é unha excepción na norma, que son as chamadas “subvencións nominativas”, e que son as que se conceden a unha entidade ou persoa en concreto sen que exista un concurso previo e que se coñecen como “concesións a dedo”. A capacidade para investir desta administración ten uns destinatarios en función de criterios de amiguismo e interese persoal do alcalde e o seu grupo. Iso é, de xeito sinxelo, caciquismo, algo absolutamente intolerable no século XXI.

 En moitas ocasións xa pedimos que os órganos de goberno do Concello acomoden as súas decisións a unha norma que nos debemos a nós mesmos, como administración pública que somos. E dicir: que se establezan criterios de reparto dos investimentos públicos cuns preceptos previos, razoables e razoados. Do que se trata é de “reconducir” a tramitación dos procedementos de concesión para que prime, como estipula a norma, a concorrencia competitiva,”debendo xustificarse exhaustivamente” tódolos casos nos que se utilice un procedemento diferente. Por tanto, entendemos que se debe corrixir esta deficiencia, salvo que, de forma expresa e intencionada, se pretenda vulnerar o estipulado na lei.

Visto todo o anteriormente comentado,

                                                                  SOLICITAMOS

  1. Que o Concello do Carballiño respecte a lexislación e deixe de empregar coma práctica habitual as subvencións “a dedo” e comece a partires do exercizo 2022 a facelo a través da moito máis xusta concorrencia competitiva.