O BNG demanda planificación política á Deputación provincial no debate do estado da Provincia.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Bernardo Varela demanda tomar medidas coas que empezar a abordar de forma efectiva os problemas que padece a provincia de Ourense.

O voceiro do grupo provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, traslada ao pleno extraordinario do martes 16 de novembro, dez propostas de resolución que a Deputación de Ourense debe abordar ante a situación a que se ve sometida a provincia en diversos eidos. O  BNG non deixa de acudir un ano máis ao debate de análise da situación provincial de Ourense proposto  polo grupo de goberno, e demandará ante o pleno provincial  a aprobación de dez  propostas de resolución, mínimas para abordar as problemáticas  de Ourense.

COMERCIAL ORCELLÓN

 A infrafinanciación municipal a que están sometidos os concellos desta provincia e a necesidade de artellar un novo modelo que permita aos municipios ourensáns afrontar a súas amplas competencias para cos seus veciños está entre as reivindicacións que o BNG mantén ao logo do tempo, tanto en plenos ordinarios, como neste debate, indica Varela.

 Neste sentido o Bernardo Varela volta facer fincapé na necesidade dun Plan Único de colaboración cos  concellos e que conte cando menos cunha dotación do 20% dos orzamentos anuais da Deputación provincial, a repartir entres os 91 concellos menores de 20.000 habitantes en base a criterios obxectivos, equitativos e xustos seguindo o modelo establecido para o Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galiza.  Un modelo co que o BNG leva emendando os orzamento provinciais todos os anos en cada pleno de aprobación dos orzamentos anuais.

Unha demanda de compromiso orzamentario de cara aos concellos que neste debate o BNG propón ampliar a todas as administracións para rematar cun sistema que fai que a media de financiamento  por veciño nos concellos galegos procedente do Estado sexa inferior á media estatal, cando a dispersión poboacional  e o avellentamento fai moita máis caro prestar calquer servizo municipal en Galiza que noutro concello do Estado.  O voceiro nacionalista tamén sinala nas súas propostas de resolución a necesidade do apoio do ente provincial aos concellos  para a  captación de fondos europeos, mediante a dotación de partidas económicas que complementen as posibles dotacións procedentes do Estado en termos de equidade e obxectividade

 A desarticulación territorial da provincia coa perda de servizos é outro dos pés fundamentais nas propostas do BNG, nomeadamente os servizos ferroviarios e sanitarios. Polo que a organización nacionalista demanda melloras das infraestruturas e persoal ferroviario no ferrocarril convencional, o vertebrador da nosas provincia e insiste especialmente na necesidade de crear un ferrocarril de proximidade, xa for a través de RENFE, ou demandando o traspaso de competencias e recursos económicos á Galiza. E no tocante aos sevizos sanitarios é precisa unha defensa a ultranza da Sanidade Pública que atalle  precariedade laboral no sector e dote á provincia dos medios tecnolóxicos, permitindo así  reforzar o servizo de atención primaria e a redución das listas de agarda.

Para o BNG todas estas deficiencias acaban xerando novas problemáticas medioambientais, demográficas, patrimoniais  que tamén aborda nas súa propostas de resolución. O espolio enerxético que debe ser atalladao cunha regulación enerxética  con criterios de preservación do territorio e na que os beneficios dos nosos recursos naturais revertan sobre a veciñanza. A necesidade de apostar polo apoio  á agrogandeiría  ecolóxica e de pequeno formato a través da colaboración interinstitucional e con partidas orzamentarias especificas. E a emigración xuvenil que continúa desangrando as comarcas Ourensás e a que debe prestarselle atención con políticas estratéxicas para asentar mocidade no territorio e con especial atención a políticas activas de respaldo á xente moza retornada e inmigrante.

 O BNG volta reiterar neste debate o  seu compromiso co patrimonio material e inmaterial  e volta demandar a posta en marcha da Comisión de Patrimonio coa participación de expertos para a súa posta en valor e coidado, que xa foi aprobada en pleno a petición do BNG pero que continúa sen pórse en funcionamento .

En definitiva, unha serie de medidas mínimas que esixen da Deputación unha planificación política efectiva acorde aos problemas reais que padecen as comarcas de Ourense baixo dirección da Deputación provincial do PP.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------