A Xunta adxudica por preto de 40.000 euros as obras de mellora do abastecemento en varios núcleos do concello de Castrelo de Miño

A intervención, cun prazo de mes e medio, ten como fin garantir o subministro de auga a varios lugares do municipio, así como a súa calidade, contribuíndo a paliar os problemas derivados da presenza de arsénico

No tramo entre A Bouza e As Bouzas disporanse 1.908 metros de tubaxe desde a proximidade do depósito

AVANTAR ACTIVIDADES

A Xunta adxudica as obras de mellora da rede de abastecemento en varios núcleos do concello de Castrelo de Miño.

Este contrato, adxudicado á empresa Vázquez y Arias y Bioenergías por un importe de preto de 40.000 euros, terá un prazo de execución de mes e medio.

O obxectivo das obras é garantir o subministro de auga a distintos lugares deste municipio, así como a súa calidade, paliando os problemas derivados da presenza de arsénico.

Para isto, será necesaria a instalación de novas tubaxes que leven o subministro aos puntos que teñen problemas de caudal.

Así, no tramo da Bouza–As Bouzas completarase a rede, dispoñendo un total de 1.908 metros de tubaxe desde a proximidade do depósito, así como os elementos necesarios para o seu bo funcionamento.

Tamén se procederá á instalación dunha nova rede que discorrerá polas marxes dereita e esquerda, desde o punto de encontro coa rede principal que vén do depósito de Santo Estevo ata Pousadoiro.

No núcleo de Ramiras colocarase un sistema de corte mediante un mecanismo con tarxeta de datos, así como unha instalación fotovoltaica con baterías de xel para subministro eléctrico.

En Astariz acometerase un treito de rede de abastecemento pola marxe dereita da estrada OU-402, desde o punto de encontro coa rede principal nunha arqueta de reparto de rede, ata o punto no que a tubaxe xa foi substituída.

A Xunta, a través destas actuacións, continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades de saneamento e abastecemento dun xeito eficiente.


VIDEO SPOT CASTRELO DE MIÑO en BADAL TV

CONCELLO DE CASTRELO DE MIÑO