O Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero ten a finalidade de visibilizar este tipo de violencia a nivel mundial. Preténdese fomentar a execución de políticas por parte das nacións, para a erradicación desta lacra, así como brindar apoio e xerar conciencia sobre a estigmatización que sofren as vítimas.
Esta data foi proclamada no ano 2000 pola ONU. En 1981, militantes e activistas en favor do dereito da muller escollían esta data como día de protesta. A data foi escollida para honrar a memoria das irmás Mirabal, tres activistas políticas da República Dominicana que foron brutalmente asasinadas.
O concello do Carballiño retomou este ano o acto institucional presencial. A concelleira de igualdade, Guadalupe Sobrado, foi a encargada de ler o manifesto deste ano.
Estivo presentado por Clara Vázquez, profesora e membro do grupo de teatro Dar Trela. Contou ca participación dos centros educativos, o Bo Día Familia, Cruz Vermella, ASPADISI e ASDIFICA. Ademais, nos xardíns da Praza Maior, foron colocados uns carteis en representación dos desexos e obxectivos que representa a loita contra a violencia de xénero.
E no IES Manuel Chamoso Lamas tamén se sumaron a esta reivindicación, con diversas actividades na xornada de hoxe.
Os actos consistiron nunha representación dunha peza musical, a lectura dun poema e carta homenaxe ás vítimas, a exposición de pancartas conmemorativas, a lectura dos nomes das persoas falecidas durante este ano e unha performance por parte do grupo de teatro do centro.