Reseña:
Guión, Dirección e Produción Executiva: Xan Leira
Produtora: Acuarela Comunicación S.L.
Xénero: documental
Duración: 55 min.
Rodaxe: Galicia
Comezo da produción: Xaneiro de 2018
Data de finalización do traballo: Novembro de 2018
Música: Enrique EstradaEntidades colaboradoras: Secretaría Xeral de Política Lingüística e Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Concellos de Cangas, Lugo e Oleiros.
Cidadán Alonso Montero, o mestre das palabras… centra a súa narrativa e desenvolvemento temático na faciana pedagóxica do poliédrico profesor-erudito que, ao longo da súa dilatada traxectoria dentro ou fora da aula, procura un diálogo pedagóxico para matinar e construír unha sociedade de cidadáns libres. A aula é a tribuna e a tribuna é a aula.
Participan:
Ana Acuña Trabazo, Emilio Alonso Pimentel, Sara Alonso Pimentel, Rosario Álvarez, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Manuel Areán Lalín, Carmen Blanco Ramos, Francisco Castro, Xan Centrón, Perfecto Conde, Antón Costa Rico, María Rosa Fernández Rodríguez, Gregorio Ferreiro Fente, Luis González “Ferreiro”, Víctor Freixanes, Valentín García Gómez, José Gómez Alén, Ánxela Gracián, Modesto Hermida, Baldomero Iglesias “Mero”, Margarita Ledo, Bieito Ledo, Inma López Silva, Ramón Nicolás, Henrique Monteagudo, Clodomiro Montero, Miguelanxo Murado, David Otero, Cuchus Pimentel, Xesús Rábade, Arturo Reguera, José Luis Rivas Cruz “Mini”, Fernando Salgado, Antón Santamarina, Miguelanxo Seixas, Dolores Vilavedra
Reseña biográfica:
Xesús Alonso Montero, o mestre das palabras, nace o 28 de novembro de 1928 en Vigo no seo da familia ourensá de Benito e Angelina que exercían de taberneiros en Vigo. Xesús é, como lle gusta dicir: –“un Balbino, un rapaz da aldea…” que, grazas á súa teimosía intelectual e compromiso civil –vivos hoxe aos 89 anos de idade– acadou altas cotas de prestixio e recoñecemento académico, social e político que o converten nun referente do pensamento crítico en Galicia.
Alonso Montero nace, por segunda vez, e esta vez no amor á lingua galega, o 1 de decembro de 1938 cando a familia muda a Ventosela, á casa dos seus avós maternos, primeiro; e logo, en 1941, á casa dos seus pais na Grova. Xunto ao viñedo do seu pai ou baixo a luz do candil o neno namora do universo da lingua galega xurdidas da forza da paisaxe natural e humana das terras do Ribeiro. Nese contexto de zocas e remendos descobre o universo emocional da lingua galega que o conducirá, anos máis tarde, aos estudos literarios e filolóxicos.
Ao pouco tempo, con 14 anos comeza o Bacharelato no colexio Academos, na vila de Ribadavía. É nese contexto, entre os anos 1943-46, onde afonda no coñecemento e interese polas letras grazas ao seu profesor e mentor Bernardino Graña Refojos (pai do poeta Bernardino Graña), quen lle aprendeu os textos clásicos e o Latín no medio da escura noite pecha do franquismo. A relación Mestre-Discípulo mantíñase, tamén, fóra do ámbito escolar. Don Graña dálle a ler ao noso Balbino de Ventosela a súa novela inédita Por los caminos de la carne, os textos da Odisea de Homero, a Eneida de Virxilio, a Divina Comedia de Dante, e obras de Shakespeare, Lope de Vega, Bécquer, Manzoni, Pereda e Dostoievsky…, ese levedo espiritual agromou en paixón que o conduciría, anos despois, á carreira de Filosofía e Letras.
A familia de XAM múdase novamente a Vigo, en setembro de 1946, e Xesús continúa o bacharelato no Instituto Santa Irene, onde remata en 1948 e trasládase a Madrid para cursar na Universidade Central de Madrid a carreira de Letras. En 1953 licénciase en Filoloxía Románica e en 1956 oposita á súa primeira cátedra de Lingua e Literatura Española, na escola de Maxisterio da USC. En febreiro do 57 asume como profesor.
No ano 1958 casa, en Madrid, con Emilia Pimentel Iglesias, excompañeira de estudios, con quen terá tres fillos: Emilio, Xesús e Sara–. Na capital preparará as oposicións para a Cátedra de Instituto e é destinado ao Instituto Jorge Manrique, de Palencia. Para, ao ano seguinte, trasladarse a Lugo, cidade onde o xenio de Xesús Alonso Monteró desenvolverá unha longa e fecunda actuación civil e mestrazgo ata 1976, deixando fortes pegadas intelectuais en moitos dos seus discípulos, algunhas delas persoas de significativa vida profesional, política e cultural en Galicia.
Lugo é, como define o profesor, a súa verdadeira patria, a patria dos soños, das esperanzas, das utopías…, Neste contexto lugués, Xesús Alonso Montero nace por terceira vez, nesta ocasión, á militancia política no seo do PCE, o 1º de Maio de 1962. Meses despois, é enviado clandestinamente ao Congreso da Paz en Moscú, onde coñece a Enrique Líster, a Dolores Ibarruri e a Nicolás Guillén, entroutros destacados dirixentes comunistas. En 1964 fúndase a UPG, iniciativa política á que foi invitado a participar, mais, non lograron comprometelo coa nova forza política.
O ano 1966 ten unha significación moi especial na vida de XAM e das forzas políticas galegas en loita contra o franquismo: a oposición ao encoro de Castrelo do Miño. O 15 de maio dese ano, no salón grande do Hotel Roma de Ourense xuntáronse unhas 250 persoas, entre elas moitos intelectuais –Otero Pedrayo, Blanco Amor, etc–, para homenaxear ao poeta Celso Emilio Ferreiro, co gallo da súa marcha a Venezuela. En verdade, este acto de apariencia literaria, estaba previamente organizado polo avogado Amadeo Varela, representante dos campesiños máis enfrontados á construcción do encoro; Víctor Bayón e XAM, polo PCE; Xosé Luis Méndez Ferrín e Luis Soto, pola UPG, coa clara intención de reunir forzas organizativas para resistir a construcción do encoro.
Lugo, a súa patria dos soños e das utopías ficará atrás e con ela os recordos das moitas “visitas” á comisaria, interrogatorios interminables, privación de pasaporte, multas gubernativas e o desterro a un Instituto de Montilla, Córdoba, no ano 1975.
Finalmente, a vida profesional e familiar levan ao profesor novamente cara a cidade de Vigo, en 1976. A chegada da democracia posibilitará ca figura, a actuación e o traballo intelectual do erudito se multipliquen nas cátedras, campañas electoriais, nas páxinas dos xornais, nas conferencias, nos actos político-literarios, na edición de libros, na loita pola Memoria Republicana…, En 1984 divorciase de Emilia Pimentel e, anos despois, en 1997 casa, coa tamén profesora i exalumna, María Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda.
O Balbino de Ventosela, autor dunha enorme e importante bibliografía imposible de reproducir aquí, chega en 1993, da man de Ramón Piñeiro e Filgueira Valverde, á Real Academia Galega, entidade que presidiu entre os anos 2013-2017.
Xesús Alonso Montero é o intelectual ineludible da Galicia actual que, por simpatía ou rexeitamento aos seus posicionamentos políticos ou sociolingüísticos, provoca a atención da cidadanía interesada no devir da sociedade e do noso país.