O Psoe impulsa que se merque o 5% restante da casa Goretti para que sexa de titularidade municipal

O PSdeG-PSOE de Ourense acadou o apoio suficiente dos grupos no pleno municipal, agás Democracia Ourensana que se abstivo, para impulsar que o Concello adopte todas as medidas necesarias para adquirir integramente o antigo edificio do colexio María Goretti, no casco histórico da cidade, proceder a súa rehabilitación e destinar o seu futuro uso a fins de carácter social, de promoción da igualdade e de loita contra a violencia de xénero.

A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González, salientou que o obxectivo da moción “é recuperar este edificio singular, darlle unha saída e rematar co abandono que sofre dende fai anos”. A concelleira socialista tamén aproveitou a súa intervención para preguntarlle á concelleira de urbanismo, Sonia Ogando, que “se é certo que a casa Goretti está inscrita no rexistro da propiedade de solares, por que o PP dende 2015 a 2019, cando gobernaron en solitario e agora como socios de goberno de DO, non executaron a expropiación do 5% que resta para que pase a titularidade municipal”.

AVANTAR ACTIVIDADES

González Beneitez tamén lembrou que Jácome fai un ano, na xunta de urbanismo, e despois de que o PSOE requirise unha saída para a casa Goretti, “decidiu levantar a sesión e enviar unha nota de prensa dicindo que era el a persoa que propuña a expropiación desta edificación”. Pois ben, tal e como apunta a edil socialista, “despois dun ano ese expediente está paralizado e o alcalde pediu colateralmente un informe para ver se expropiaban o terreo, todo isto a costas da concellería de urbanismo”.

A concelleira socialista rematou a súa comparecencia afirmando que “dende que chegou o PP o goberno fai 6 anos, a nivel xestión non fixeron nada novo” e acusou os populares de “non conseguir ningún novo equipamento para Ourense”. Por último destacou que “a única estafa que ten esta cidade é o alcalde de Ourense e todo por obra e gracia do PP e de todos aqueles que lle fan caso os seus discursos absurdos”.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén acadou o apoio necesario para que se aprobase unha moción na que solicitaban que se conmemorase o IX centenario da concesión da Carta Puebla, que serviu de recoñecemento de Ourense como cidade. Os socialistas contaron co apoio dos concelleiros non adscritos, Ciudadanos e Democracia Ourensana, namentres que o PP abstívose e o BNG votou en contra, para sorpresa dos presentes e da cidadanía de Ourense.

O edil socialista, Xosé Rúas, relatou que coa chegada do 2022, “cumpriranse 900 anos do primeiro recoñecemento de Ourense como cidade”, trala concesión da Carta Puebla, por parte do bispo Diego Velasco, no ano 1122. O concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou a primeira intervención para facer un símil entre a situación da cidade por aquel entón e hoxe en día “falamos dunha época de grandes disputas e dun recoñecemento que tentaba librar a Ourense da desolación. É curioso que 9 séculos de Ourense volvamos a estar na mesma situación”.

Rúas rematou facendo referencia a que esta carta “serviu de recoñecemento a moitas cidades, a pesar de que por aquel entón non houbese democracia” e apuntou a que “é a historia da nosa cidade, cos seus acertos e erros, e que non podemos borrar”. Por este motivo os socialistas propuxeron “conmemorar esta data, celebrala con todos os estamentos da cidade e sentirnos orgullosos de Ourense”.

O Grupo Municipal Socialista tamén acadou o apoio, case unánime, para mellorar o funcionamento da concellería de participación cidadá, mediante a dotación de persoal suficiente, a adecuación do marco normativo, as melloras na tramitación orzamentaria e a correcta regulación dos orzamentos participados. A moción contou co apoio de todas as forzas políticas, agás DO, que se abstivo. O concelleiro, Javier Rey, defendeu que a situación desta concellería “é precaria” e expuxo que “actualmente non hai persoal suficiente, posto que conta cunha xefa de servizo a tempo parcial, hai vacantes nos postos de xefe de xestión e xefe de negociado e as baixas constantes non se cobren, polo que tan só hai 2 traballadores para un gran volume de traballo que non poden asumir de forma eficiente”.

Rey aproveitou a súa intervención para pedir “responsabilidades” pola “lamentable” situación que se vive nesta área, onde relatou que “todos botan balóns fóra e xa non sabemos de quen é a culpa do desgoberno que vive a cidade”. O edil socialista tamén acusou ao PP de “carecer de iniciativa política para levar a cabo proxectos na cidade” e lembrou que o proxecto para reformar a ordenanza “leva 6 anos sen que se movera unha soa folla, a pesar de contar co acordo das forzas políticas”, situación que cualificou de “vergoñenta”.