O Psoe denuncia que a Xunta “leva décadas ignorando as causas estruturais dos lumes forestais”

 A voceira de Medio Rural do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, denunciou que a Xunta “leva décadas ignorando a necesidade de atallar as causas estruturais dos lumes forestais”. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, trala comparecencia do conselleiro de Medio Rural sobre os resultados do Plan Preventivo de Incendios Forestais (Pladiga) 2021.

Ao fío disto, a voceira socialista urxiu ao goberno galego a facer cambios “de fondo” na política forestal, agraria e medioambiental de Galicia ante a “falla de medidas preventivas e planificación” e tras presentar un plan este ano “que case é un corta e pega de anos anteriores”.

AVANTAR ACTIVIDADES

De feito, a responsable socialista criticou que haxa “demasiados obxectivos que por falla de medios non se acadan”; proxectos “inacabados” en todos os ámbitos; aldeas modelo “paralizadas”; “descontento” dos veciños e veciñas por estar pagando anualidades ao convenio de Seaga, “pero xa cun ano de retraso” nas execución dos traballos; ou un servizo de prevención de incendios forestais con “escaseza” de persoal para asumir a carga de traballo prevista.

Ademais, censurou que, durante os meses de marzo, abril e maio, os “óptimos” para facer os traballos preventivos, o persoal eventual do servizo de prevención se atopa “inactivo”, un exemplo máis que deixa clara a “deficiente xestión” da Consellería de Medio Rural nesta materia.

ABANDONO DO RURAL

“O principal problema á hora de que se produzan lumes en Galicia é o abandono absoluto no que se atopa o noso rural”, sentenciou a voceira socialista ao lamentar que “cada día ten menos xente e conta con menos servizos sanitarios, educativos e servizos sociais para infancia e maiores” e ademais cando “se desmantelan os servizos bancarios ou o transporte público, e o goberno do Partido Popular non fai nada para evitar que se produzan estes feitos”.

Así, lamentou que agricultura, gandería e xestión forestal sostible teñan “cada vez menos peso” nas comarcas do sur de Lugo e tamén na provincia de Ourense a consecuencia da “deficiente” xestión da Xunta.

Por todo isto, Rodríguez Dacosta pediu ao Executivo galego que poña en marcha un plan de recuperación da actividade agraria, forestal e contra o despoboamento; mellorar a profesionalización e loitar contra a temporalidade neste sector; realizar traballos de prevención antes do mes de xullo de cada ano; desenvolver un plan de educación ambiental e concienciación ou mellorar os equipos forestais de investigación para coordinalos co trabalo investigador das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.