Finalizan as ‘Xornadas de presentación do CISPAC’ con novas perspectivas de diálogo

Entre o 19 e o 21 de outubro, o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) ofreceu as súas xornadas de presentación no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Estiveron compostas por unha serie de conferencias plenarias e mesas redondas nas que se trataron temas relacionados coa transición ambiental, o patrimonio, o turismo, a demografía e a ordenación territorial. 

Abriu a inauguración o Ministro de Universidades Joan Subirats Humet, quen sinalou “a importancia de ter unha lóxica de colaboración entre universidades, sendo este centro de nova fundación unha iniciativa moi ben orientada”. Do mesmo xeito, falou da complexidade da paisaxe como construción social e cultural de carácter histórico, parabenizando este proxecto pola súa lóxica de traballo transdisciplinar.

AVANTAR ACTIVIDADES

Lourenzo Fernández Prieto, director científico do centro e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, destacou que este fora “un proceso moi longo e madurado, que comezara hai máis de 7 anos e no que a transferencia como coxeración coa sociedade sempre foi un dos seus obxectivos centrais”.

Pecharon a inauguración os rectores da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña: Antonio López e Julio Abalde respectivamente. O primeiro sinalou a importancia deste tipo de estructuras de investigación potentes, destacando que “se sumamos somos máis fortes”. O segundo salientou o papel dos seus investigadores e investigadoras, que no día a día traballan en grupos de traballo plurais co obxectivo da transferencia á sociedade sempre no punto de mira.

As conferencias plenarias estiveron ao cargo de Saskia Sassen (Columbia University), Mauro Agnoletti (Università di Firenze), Cornelia Flora (Iowa State University), Leonardo García Sanjuán (Universidad de Sevilla) e Carlos Costa (Universidade de Aveiro). En canto ás mesas redondas, albergaron temáticas relacionadas cos cinco campos de investigación do CISPAC: paisaxes que teñen xente, paisaxes que producen, paisaxes gobernadas, paisaxes que teñen patrimonio e paisaxes visitadas. En todas elas estivo a idea central de paisaxe como interrelación e modelo sistémico, non unha suma de elementos; de aí a importancia do diálogo transdisciplinar e da transferencia.