Emilio González pide prudencia aos condutores ante as festas de Nadal e evitar o consumo de alcol e drogas ao volante

IES CHAMOSO LAMAS

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, pediu esta mañá prudencia aos condutores ante as festas de Nadal e evitar o consumo de alcol e outras drogas ao volante. Así o indicou durante a presentación en Castadón, no P.K. 4 da OU-536, da campaña de seguridade vial provincial “No Nadal, escolle!”, que invita aos condutores a elixir a maneira de volver á casa sans e salvos.

Emilio González, que estivo acompañado do xefe provincial da Dirección Xeral de Tráfico, David Llorente; do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor; e dos tenentes do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja e Juan Carlos Nogueiras; salientou que “nestas datas de reunións familiares, con amizades e con compañeiros de traballo, o número de desprazamentos curtos e coñecidos aumenta, incrementándose os descoidos á hora de cumprir as normas de tráfico”.

HIPER MASIDE

“Acorde ao título da campaña queremos trasladar dun xeito realista aos condutores, coa escenificación dun accidente, a responsabilidade que adquiren á hora de conducir tras inxerir alcol ou outras drogas. Todos podemos elixir o vehículo que queremos que nos leve de volta á casa”, subliñou o subdelegado do Goberno.

Na presentación despregáronse diferentes tipos de vehículos: un taxi; un vehículo sinistrado; vehículo de emerxencias; unha grúa; vehículo de Atestados de Tráfico; unha ambulancia e, por último, un furgón fúnebre. Emilio González apelou á responsabilidade dos condutores e lembrou que “en caso de consumir alcol ou outro tipo de drogas opten por desprazarse en taxi ou en transporte público para evitar accidentes”.

O xefe provincial da DXT, David Llorente, sinalou que a suma das sancións por conducir baixo a influencia do alcohol e das drogas supuxo que no que vai de ano en Ourense se detraeran 8.198 puntos, sendo esta a principal causa de perda de puntos e superando aos detraídos por exceso de velocidade (8.030 puntos). “Debemos prestar atención ao incremento no consumo de ansiolíticos e antidepresivos, psicofármacos que poden dar positivo nos controis de drogas e que, moitos deles, están contraindicados para conducir con seguridade un vehículo a motor”, subliñou David Llorente.

Así mesmo, sinalou que na provincia no ano 2021 se produciron nove sinistros mortais en estrada, aos que hai que sumar tres máis en vías urbanas, e 44 feridos graves. O xefe provincial da DXT insistiu na importancia de “non relaxarse ao volante”, así como adecuar a velocidade ao estado da vía e empregar os elementos de seguridade do vehículo.

Durante a presentación da campaña de seguridade vial provincial efectuouse tamén un control preventivo de alcoholemia e drogas aos condutores dos vehículos que circulaban pola zona, no marco da campaña nacional que se está a desenvolver entre o 6 e o 12 de decembro.

A presentación contou coa colaboración dos representantes do colectivo de vítimas de accidentes, Félix González e Daniel Fernández; da Garda Civil de Tráfico; Protección Civil de Pereiro de Aguiar; Cruz Vermella; taxi de Ourense; Grúas Varela Motor e Funeraria Mosquera.