O Obradoiro de Instrumentos da Deputación organiza un concerto de música étnica do compositor e investigador Carlos Blanco

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O polifacético etnólogo ofrecerá mañá mércores, día 15, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un novidoso concerto didáctico no que tamén poderá participar o público interpretando xunto ao invitado coñecidas cancións 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá mañá mércores, 15 de decembro, a partir das 19.45 horas, un concerto de música étnica a cargo do compositor e investigador hispano uruguaio Carlos Blanco, “nunha iniciativa que terá un marcado carácter didáctico e no que poderá participar o público asistente”, sinalou o director do centro, Manuel Brañas. 

O concerto, organizado tamén como actividade de Nadal, inclúe un variado e entretido programa que consta de cinco apartados. En primeiro lugar, Blanco recitará un pensamento do seu libro de aforismos Reflexións á beira do camiño, relacionado coa música étnica universal, xunto cun breve repaso, acompañado de imaxes, de como nace un museo da música, a súa importancia e o seu éxito. A continuación, o compositor explicará e fará unha demostración sonora de instrumentos musicais exóticos, na súa maioría descoñecidos para o gran público. 

No terceiro apartado do acto, o invitado fará unha breve lectura do seu libro O sorriso oculto da música, acompañada dunha mostra das imaxes que se inclúe no volume. A continuación interpretará a canción Galego, dedicada á emigración dos seus antepasados galegos, xunto coa proxección do videoclip. O concerto pecharase coa participación do público, onde a través dun innovador sistema de guía e mailo uso de instrumentos especiais, 35 persoas poderán interpretar coñecidas cancións, sexan ou non músicos. 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Carlos Blanco Fadol ten unha relevante traxectoria como etnomusicólogo, investigador, compositor, cantautor, multiinstrumentista, inventor de instrumentos, poeta, escritor e humanista que recibiu numerosos recoñecementos en Europa, Asia e América, xunto con dúas candidaturas aos Premios Príncipe de Asturias; ás Artes en 2006, e á Concordia en 2009. 

Posúe unha das coleccións de instrumentos musicais étnicos máis importantes do mundo, con máis de 4.000 pezas e fundou tres museos en España: Centro Internacional de Música UNESCO, Altea (Alacante) 1999; Barranda-Caravaca (Murcia) 2006 e Busot (Alacante) 2015. Autor de numerosos libros musicais, entre eles unha enciclopedia, ademais de libros de relatos e poesía, impartiu conferencias en Asia, Europa e América, é o creador dun innovador sistema musical para cegos.  

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------