Presas chama a construír unha Galiza feminista

O BNG comprométese a levar á Xunta o alento das mobilizacións feministas de Galiza

Publicidade

Reclaman unha sociedade co igualdade real, sen discriminación por razón de xénero, identidade ou orientación sexual

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun encontro feminista onde trasladou as propostas da formación nacionalista para o vindeiro 12X e recoñeceu as mobilizacións do movemento feminista local e galego. Presas chamou a construír un país libre de violencia machista, transfobia e LGBTifobia e comprometeuse a impulsar unha Lei Galega de recoñecemento e apoio das familias monoparentais, así como dedicar o 1% do orzamento á loita contra a violencia machista.

Durante o encontro feminista, a candidata do BNG lembrou as mobilizacións masivas do movemento feminista local e galego que reclamaban unha sociedade con igualdade real e sen discriminacións por razón de xéneros, identidade ou orientación sexual. Asemade, destacou que a crise provocada pola COVID-19 veu pór aínda máis en evidencia, como advertía o feminismo galego nas mobilizacións de “Sen coidados non hai vida”, que o traballado invisibilizado e precarizado das mulleres sostén o sistema económico e social.

Presas comprometeuse a elaborar unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente por parte da Xunta de Galiza de cara a asegurar o cumprimento dos convenios colectivos e a non existencia de fenda salarial, como aconteceu en servizos como a limpeza hospitalaria. Así mesmo, reivindicou dedicar o 1% do orzamento á loita contra a violencia machista e a implantación, nos pregos de contratación pública, de cláusulas de igualdade co obxectivo de “fomentar o respecto aos dereitos fundamentais das mulleres e impidan acceder a recursos públicos aquelas empresas que os incumpran”.

“Impulsaremos a Lei galega de recoñecemento e apoio das familias monoparentais que incorpore o recoñecemento específicos daquelas que o son en orixe” sinalou Presas mentres indicaba que virían motivadas por unha decisión “libre e consciente” que no actual marco normativo “están invisibilizadas”. Asemade, destacou tamén a redacción dun novo regulamento para o Punto de Encontro Familiar “con especial atención á intervención social e a prevención e detección de posíbeis situacións de violencia”.

Por último, a cabeza de lista sinalou que é preciso poñer fin ás carencias de Ourense na materia denunciadas polas organizacións feministas locais. “As demandas expresadas durante anos en masivas mobilizacións feministas como Verín Non Se Pecha ou contra os feminicidios deben traducirse en transformacións reais” destacou Presas.