Vía Galega lanza o himno das seleccións galegas “para apelar os nosos sinais de identidade colectivos”

Publicidade ASPADISI

A Plataforma Vía Galega presentou o himno “Galiza, un Pobo, unha selección” que conta con 28 persoas que puxeron a súa voz e música, de maneira desinteresada, “para reivindicar o dereito a contarmos coas nosas seleccións nacionais en todas as disciplinas deportivas e a participar en competicións sen limitacións baixo a nosa bandeira”, explicou Anxo Louzao.

Na rolda de prensa de presentación deste himno estiveron Bieito Lobariñas, membro do grupo Zurrumalla e autor da música e letra do himno deportivo “Galiza, un Pobo, unha selección”; Tamara Martínez, membro do grupo Os Residuos Atractivas e autora dos arranxos das voces; Cosme Pombo, membro do grupo musical Airiños do Fiouco; e Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega.

HIPER MASIDE

Esta iniciativa de Vía Galega vén a sumarse a toda unha batería de actos, exposicións e difusión de publicacións que se están desenvolvendo por toda Galiza enmarcadas na campaña “Galiza, un pobo, unha selección”, que está a ter unha grande acollida e interese.

“Trátase dun himno deportivo para reivindicármonos como nación e identificarnos cos nosos símbolos e cánticos”, sinalou Anxo Louzao. “Esiximos da Xunta que procure os medios para formar seleccións nacionais en todos os deportes porque lle corresponde e é a súa obriga pórse ao fronte para acadar as plenas competencias para competir oficialmente e internacionalmente”, engadiu.

Así, lánzase esta composición que condensa e sintetiza os obxectivos e reivindicacións desta campaña, “con enerxía, contundencia e emoción”. “Un canto para fortalecérmonos como nación que apela os nosos sinais de identidade colectivos e incentiva a nosa autoestima”, indicou, “só nos queda pedir que se difunda por toda Galiza e pase a ser un cántico que resoe en todos estadios, canchas e eventos deportivos”.

Pola súa parte, Bieito Lobariñas destacou a coordinación e implicación para agrupar voces e músicas de 28 artistas que prestaron o seu apoio incondicional a este proxecto, co traballo de arranxos de Nacho Álvarez e de Tamara Martínez.

“Primeiramente fíxose a letra da canción sobre as ideas-base do que se pretende, seguindo o esquema da copla tradicional galega e, a continuación, gravouse a melodía básica a ritmo de alborada”, explicou.