O Psdeg-Psoe de Ourense informa de que a valedora do pobo da 15 días a Jácome para que lle informe sobre a trama de ocultación reiterada de información á oposición

Publicidade ASPADISI

No escrito remitido dende a Valedora do Pobo admítese, unha vez estudada, a reclamación presentada polos socialistas, ao entender o órgano competente que reúne os requisitos formais recollidos por Lei

Os socialistas alertan de que o “escurantismo”, a “falta de transparencia” e o “bloqueo permanente” apropiáronse do Concello de Ourense dende a chegada ao goberno municipal de Pérez Jácome

HIPER MASIDE

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de recibir resposta da denuncia presentada ante a Valedora do Pobo e na que os socialistas denunciaban unha “trama” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, consistente na “ocultación” de proxectos e gastos en materias tales como urbanismo, infraestruturas ou medio ambiente no Concello de Ourense. No escrito remitido dende o rexistro xeral da Valedora do Pobo admítese, unha vez estudada, a reclamación presentada polos socialistas, ao entender o órgano competente que reúne os requisitos formais recollidos no artigo da 18 da Lei da Valedora do Pobo.

No escrito recibido polo Grupo Municipal Socialista anúnciase que a Valedora do Pobo inicia as actuacións oportunas ante o Concello de Ourense e requírelle ao goberno municipal que nun prazo máximo de 15 días, de acordo co previsto no artigo 22.1 da Lei da Valedora do Pobo, faciliten información sobre os problemas que motivan a denuncia do PSdeG-PSOE de Ourense. “Jácome ten agora 15 días para aclarar porque se oculta deliberadamente información á oposición e porque se seguen acumulando preguntas en xuntas de área das que non se da ningún tipo de resposta”, indican os socialistas.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o alcalde trate de “pisotear” a obriga legal de transparencia que deben ter todos os executivos, dando resposta tanto á oposición como a cidadanía, sobre temas dos que requiren información. Tamén afirman que o alcalde e os seus dous concelleiros, “coa complicidade e apoio” do Partido Popular, “incumpre de forma constante e deliberada  a lei de bases de réxime local”.

Os socialistas levan xa tempo alertando de que o “escurantismo” e a “falta de transparencia” apropiáronse do Concello de Ourense dende a chegada ao goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome. Unha situación que leva provocando un “bloqueo permanente” no consistorio tanto na xestión municipal como tamén a hora de dar respostas. “Hai máis de 150 solicitudes pendentes de información por parte do alcalde e os seus concelleiros delegados e esta mesma semana volvemos a asistir atónitos a unha nova recua de silencios e faltas de respostas as preguntas feitas en xuntas de área”.

Para o PSdeG-PSOE de Ourense este xeito de actuar do alcalde e o seu equipo do “desgoberno” non fai máis que por de manifesto que Jácome “pretende agocharnos información tanto a oposición como a cidadanía co obxectivo de non dar explicacións da súa nefasta xestión ao fronte do consistorio e tratar de tapar as graves carencias do goberno municipal”. Os socialistas tamén afirman que hai temas sobre os que preguntaron en xuntas de área, como o centro de intelixencia artificial, que xeran gran “nerviosismo” no goberno municipal, algo que segundo apuntan “só se explica porque ese centro é un buraco negro, no que se están despilfarrando unha cantidade incalculable de fondos públicos, xa non só para colocar aos amiguetes do alcalde, senón tamén para financiar obras, mobiliarios e ata equipamentos informáticos, dos que por suposto e ante as peticións de factura, non hai respostas”.