O proxecto Raia Termal chega ao seu remate coa aposta de Manuel Baltar por un segundo programa “que potencie o que nos é propio”

Na xornada de peche do programa transfronteirizo, celebrada en Melgaço, o presidente provincial afirmou que “a resposta ao benestar que perseguimos neste tempo de pospandemia está no termalismo”, demostrando cos resultados deste proxecto “que sabemos traballar conxuntamente e poñer en valor o territorio, nun momento de novas oportunidades económicas a través dos fondos europeos, pero que non son nada se non hai capacidade de formular iniciativas como esta” 

Ourense, 16 de decembro de 2021.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na localidade portuguesa de Melgaço na xornada de peche do proxecto transfronteirizo Raia Termal, que ao longo de seis anos creou unha rede de cooperación pública entre o sur da provincia de Ourense e o norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta área. Unha iniciativa, afirmou o presidente provincial, “que demostrou que temos recursos dabondo e a capacidade suficiente para levar a cabo un segundo proxecto que potencie o que nos é propio, como o termalismo”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Xa é tempo de empezar a pensar no programa Raia Termal II, dixo Manuel Baltar, “que se nesta primeira ocasión tiña por título <Dous países, un destino>, no seguinte proxecto debería chamarse <Dous destinos, un país>, porque considero que somos un país único”, sinalando neste sentido que “me sinto como en casa pola condición de Ourense como a provincia española que ten máis quilómetros de fronteira con Portugal e os estreitos e históricos lazos que nos unen”. 

Para o presidente provincial, “a resposta ao benestar que perseguimos neste tempo de pospandemia está no termalismo como concepto de saúde, que é o ben máis prezado que temos”, demostrando cos resultados deste proxecto “que sabemos traballar conxuntamente e poñer en valor o territorio, nun momento de novas oportunidades económicas a través dos fondos europeos, pero que non son nada se non hai capacidade de formular iniciativas como esta”. 

Todos os territorios teñen etnografía, patrimonio, paisaxe e cultura, engadiu, “pero nós temos un territorio co maior potencial termal de Europa, razón máis que suficiente para estar presidindo a Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), que reúne a 51 espazos termais de 18 nacións”. 

Con este traballo “deixamos un legado de accións que van na liña coherente da explotación dos recursos que nos son propios, e agora toca pensar en novas iniciativas non só a través da colaboración entre administracións, senón tamén desde o punto de vista público-privado, como estamos a facer en Ourense proxectando na sede da institución provincial un hotel balneario de referencia en Europa”. 

No acto celebrado nas Termas do Peso tamén estiveron presentes o titular da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga, e o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista, en representación das institucións socias no proxecto, no que tamén participou a Cámara Municipal de Terras do Bouro. 

O director do proxecto, Manuel González, detallou os resultados do programa transfronteirizo como a recuperación de espazos fluviales afectados por augas residuais en entornos termais a través de obras en Baños de Riocaldo (Lobios) ou no Regato da Pousa en Muiños. Tamén se referiu ás actuacións desenvolvidas para protexer e valorizar áreas naturais que complementan a oferta de ocio asociada ao turismo termal transfronteirizo, entre elas a zona para autocaravanas de Bande, a sinalización da ruta termal de Cortegada, a construción dun azud desmontable, unha pasarela peonil no río Caldo e unha ciclovía en Lobios, e o sendeiro á Illa de Pazós en Muíños. Polo que respecta a Portugal, citou como actuacións a limpieza da liña de auga nas termas do Peso, a restauración arbórea do parque termal, a colocación de contedores subterráneos en Melgaço e a recuperación ambiental e o acceso ao río do Gerês, en Terras do Bouro. 

O proxecto europeo “Raia Termal: dous países un destino”, é unha iniciativa de cooperación transfronteiriza cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Co 90 % das actuacións executadas e un investimento de 2 millóns de euros, o programa tiña como obxectivo crear unha rede de cooperación entre Ourense e o norte de Portugal para potenciar a riqueza termal desta contorna transfronteiriza, poñendo en valor iniciativas conxuntas de xestión e comercialización para crear un único destino termal de fronteira, contribuíndo así ao desenvolvemento dun turismo de calidade nesta área. 

No proxecto participaron como socios a Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e as cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro. A zona de actuación do proxecto abarcou o sur da provincia de Ourense e o norte de Portugal, nomeadamente os núcleos termais transfronteirizos dos ríos Miño, formado polo eixo Cortegada-Melgaço, e o río Limia, con Bande, Muíños e Terras do Bouro.