
Cun orzamento de 105.000 euros oferta estancias e tratamentos en sete balnearios da provincia, incluíndo facilidades para a mobilidade e rutas culturais pola provincia
A xunta de goberno aprobou tamén máis de 400.000 euros en subvencións para cooperación cos concellos e entidades
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida hoxe por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases do programa de Termalismo Saudable e Cultura Termal 2022, polo que se ofertan estancias e tratamentos en sete balnearios da provincia, incluíndo facilidades para a mobilidade e rutas culturais pola provincia. Unha iniciativa que, cun orzamento de 105.000 euros, ten como obxectivo a promoción do sector termal como área económica e social estratéxica para a provincia.
O programa de Termalismo Saudable consta de dúas modalidades: estancias balnearias con ou sen transporte en tren, e tratamentos terapéuticos sen estancia. As estancias balnearias, con axudas que van desde os 10 ata os 60 euros, terán unha duración de seis días, de luns a sábado, en réxime de pensión completa, incluíndo 10 técnicas balnearias, a posibilidade de revisión médica e animación social. Para as estancias con transporte en tren, os usuarios teñen incluído o billete de ida e volta desde algunha das “estacións termais” que participan no programa –referidas no convenio subscrito entre Deputación de Ourense e Renfe- con destino á estación de Ourense. Neste caso, os balnearios proporcionan o traslado ata as instalacións e rutas culturais seleccionadas. Existen tamén estancias con ou sen tren para grupos formados por un mínimo de 20 persoas. Os tratamentos terapéuticos sen estancia (reumatolóxico e respiratorio) inclúen axudas de entre 20 e 70 euros, con consulta médica e a posibilidade de realizar 35, 20 ou 10 técnicas balnearias repartidas ao longo de 15 días.
O programa de Cultura Termal financia con entre 10 e 20 euros estancias de fin de semana nos balnearios da provincia de dous días de duración, de sábado a domingo, incluíndo pensión completa e dúas técnicas balnearias para adultos.
Os balnearios adheridos ao programa son os de Baños de Molgas, O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada e Caldas de Partovia. As solicitudes poderán presentarse por vía telemática (termalismourense.com) desde o día seguinte á publicación das bases no BOP. As axudas concederanse por orde de recepción das solicitudes ata esgotar o seu orzamento.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou dúas novas axudas no marco do programa EmprendOU para proxectos empresariais e de autoemprego en municipios rurais en declive demográfico. As achegas, cun importe máximo cada unha delas de 8.685 euros, teñen como beneficiarios a dous proxectos relacionados cos servizos de estética e hostalería nos concellos de Sarreaus e Xinzo de Limia.
No capítulo de cooperación cos concellos, aprobáronse as seguintes subvencións: 13.000 euros a favor de Beariz para a instalación dun ascensor na Casa Consistorial; 32.000 euros ao Concello do Bolo para obras na estrada Cambela-límite con Viana; 48.000 euros para Cortegada destinados ao soterramento da rede de alumeado público e renovación de luces no acceso ao antigo balneario; Máis de 37.000 euros a favor da Mezquita para un proxecto do IDAE de eficiencia enerxética no alumeado de Vilavella e Cadavos; e 40.000 euros para un proxecto piloto de intelixencia artificial e a feira de gando da Veiga. A lista péchase con dúas axudas ao Concello de Vilardevós, que recibira 110.000 euros para a rehabilitación da estrada de Salto do Cabalo a Arzoá, e preto de 27.000 euros para a rehabilitación da estrada de Florderrei a Terroso.
Sinalar por último outras dúas achegas no ámbito de cooperación con entidades, con 60.000 euros para as obras na sede provincial de Cruz Vermella, e 20.000 euros para gastos de funcionamento do Pen Club Galicia.