«Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago» en «Cultura por alimentos» de Afundación

Esta mostra enmárcase en «Cultura por alimentos», a campaña solidaria de Afundación e FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos) de recollida de alimentos non perecedoiros

A instancias do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, esta mostra, comisariada por Yolanda Barriocanal, conta tamén coa participación da Xunta de Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acolle ata o vindeiro 16 de xaneiro de 2022, a mostra «Símbolos xacobeos e imaxes de Santiago nos impresos do Barroco compostelán», unha exposición comisariada por Yolanda Barriocanal deseñada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e que conta coa participación da Xunta de Galicia.

Esta mostra enmárcase na campaña promovida por Afundación en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos), «Cultura por alimentos», mediante a cal o público visitante ás actividades da Obra Social de ABANCA pode colaborar cos bancos de alimentos locais a través da doazón de alimentos non perecedoiros depositándoos nos colectores habilitados ao efecto nos centros da entidade.

A partir da revolución ocasionada co gallo da aparición da imprenta, o medio escrito convértese nunha das canles de comunicación máis eficaces para a transmisión do coñecemento e das descubertas. O Camiño de Santiago, como ruta cultural europea antonomástica, foi unha das vías de intercambio deses saberes preferidos polas xentes de cultura. Deste xeito, nesta mostra expóñense os documentos que, vinculados co culto xacobeo, transitaron desde as imprentas compostelás ata lugares ben distantes, nos que se daba conta dos avatares que na cidade do apóstolo sucedían. Desde compostelas, ata foros ou argumentos a prol ou en contra do padroado de Santiago de España, esta exposición permitirá coñecer o devir dun culto con séculos de antigüidade.

A Área Didática de Afundación elaborou un completo programa educativo, desde infantil ata público adulto, para coñecer con fondura as riquezas da imprenta e os significados da simboloxía xacobea. Para información e reservas, cómpre contactar coa Área Didáctica de Afundación: areaeducativa@afundacion.org.