A Deputación convoca unha nova edición do programa ChegOU con 300.000 euros en axudas para o fomento da natalidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén se aprobaron as bases para a concesión de subvencións destinadas ao fomento de actividades escénicas e musicais, por importe de 90.000 euros, así como a adhesión da Deputación ao Manifesto de Soutomaior, onde se denuncia a desigualdade que sofren as mulleres do mundo da escrita 

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases para a concesión de subvencións para o fomento da natalidade, o programa ChegOU, que conta cun orzamento de 300.000 euros. As axudas, que xestionará a Área de Benestar da Deputación, están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (grao 0) e para os municipios con prioridade de grao 1 e 2. As axudas serán de 500 euros para os concellos con prioridade de grao 3. A solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación destas bases e ata o 31 de decembro de 2022. 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén a Xunta de Goberno aprobou as bases para a concesión de subvencións destinadas ao fomento de actividades escénicas e musicais ao longo do presente ano. Cun orzamento total de 90.000 euros, estas axudas financiarán o 50 % do custo de cada actuación, establecéndose o importe subvencionable segundo o tipo de agrupación e o número de integrantes: bandas de música (un mínimo de 900 euros para conxuntos de ata 25 membros); grupos de gaitas (300 euros ata cinco compoñentes); bandas de gaitas (desde cinco membros, 300 euros mínimo); charangas (500 euros mínimo desde 10 integrantes); grupos de rock, folk, jazz, pop e semellantes (900 €); orfeóns, corais, rondallas e tunas (650 €); e grupos de danza folclórica, teatro, magos, pallasos, malabares e outros (600 €). As axudas poderán solicitarse a partir do día seguinte da publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións ou no BOP. 

Entre os acordos adoptados hoxe figura tamén a adhesión da Deputación de Ourense ao Manifesto de Soutomaior, considerado de interese social, cultural e político e onde se denuncian as diferentes situacións de desigualdade que sofren as mulleres do mundo da escrita, apoiando as doce decisións que recolle o manifesto e que servirán de referencia para conseguir a igualdade de oportunidades na creación artística e intelectual, comprometéndose a Deputación a facilitar e impulsar accións e medidas para rachar coa fenda de xénero no mundo da editorial e literario galego. 

No tocante a cooperación, a Xunta de Goberno aprobou ademais a concesión dunha axuda por importe de 250.000 euros para o fomento do deporte a favor do Club Ourense Baloncesto; 19.000 euros para o proxecto de execución dunha báscula en Vilar de Barrio; e 48.300 euros para unha pista polideportiva en Vilardevós.