Faino logo de escoitar as explicacións do Concelleiro de Medio Ambiente en Xunta de Área onde afirmou que a empresa extralimitouse e que ditos traballos foron entregados pola Xunta a un aserradoiro, de xeito gratuito, a cambio da madeira
Na xunta de área de medio ambiente celebrada esta mañá polo Concello de Ourense, o BNG pediu explicacións ao concelleiro polo acontecido na Universidade laboral a semana pasada.
A tala levada a cabo non se axustou aos parámetros establecidos polo propio concello, tal e como indicou o concelleiro Jorge Pumar xa que segundo el, “deixáronse marcadas as árbores que tiñan que talar e o que fixeron foi deixar esas e indiscriminadamente cortar todas as demais”.
Segundo o BNG, outro dos datos ofrecidos esta mañá é dunha gravidade extrema xa que segundo o propio concelleiro estes traballos veñen costando ao redor de 18.000 euros e o que fixo a Xunta foi darllos a un aserradoiro que o facía gratis a cambio de quedarse coa madeira.
Ante este feito e a gravidade dos mesmos, os nacionalistas anuncian que trasladarán o acontecido ao Parlamento galego para exixir responsabilidades á Xunta de Galiza.