O BNG denuncia o peche inminente da Oficina de Rehabilitación do Concello de Ourense

Por providencia de alcaldía, a oficina do PERI terá que pechar as súas portas o vindeiro día 17, sendo trasladado o seu persoal as dependencias de urbanismo

Desde a formación nacionalista agardan expectantes a saber que vai facer o PP, socios de Jácome e que reiteradamente afirman non tolerarán dito peche

AVANTAR ACTIVIDADES

Hai varios meses que o Grupo Municipal do BNG alertou das intencións do actual Goberno Local PP – DO de pechar a Oficina de Rehabilitación do concello. Oficina cuio papel ten sido fundamental á hora de desenvolver programas de rehabilitación como poden ser os ARIS, a recuperación do núcleo de Seixalbo, a defensa do patrimonio ou a captación de importantes subvencións relacionadas coa rehabilitación e adaptación de vivendas.

Para a formación nacionalista a decisión adoptada vía providencia, na que obriga ao peche da oficina o vindeiro día 17 de febreiro e o traslado do persoal á Concellería de Urbanismo, é unha mostra máis do afán desmantelador da administración pública levada a cabo neste mandato. Desmantélanse servizos, valéiranse concellerías de contido e en definitiva debilítase o concello no seu conxunto.

O feito de que se adopte esta decisión cando continúan as xuntanzas da Comisión de seguimento e se está en plena elaboración do PEPOU, documento inprenscindíbel para o concello, demostra que o actual goberno non ten o máis mínimo interese sobre esta cuestión.

O BNG, que desde hai meses leva preguntando por esta cuestión quere saber se o PP, socio de Jácome, tamén comparte e avala a decisión que se ven de tomar xa que en innumerábeis ocasións teñen manifestados o seu rexeitamento a dito peche.

Desde a formación nacionalista exixen ao populares un posicionamento claro e que máis alá de boas palabras, actúen en consecuencia para evitar o peche da Oficina de Rehabilitación.

Igualmente, no BNG anuncian que presentarán unha moción pola vía de urxencia para o pleno previsto para este venres no que pedirán non soamente que non se desmantele a oficina senón que se reforce con máis medios e persoal.