Comunicado de Espazo Común sobre o Asilo e a falta de documentación que aínda non entregou o Concello

Fumega volta a faltar á súa palabra e non entrega na xunta de voceiros nin un só documento sobre o Asilo

A pesar de comprometerse no pleno do pasado día 26, nin na xunta nin na comisión posterior aportou un só papel.

AVANTAR ACTIVIDADES

A pregunta subxacente: que é o que o alcalde lle quere ocultar aos veciños do Carballiño?

Se non se fai entrega da documentación requerida antes do Pleno do mércores, emprenderemos outra serie de medidas legais para acceder a ela.

Como quedou demostrado nun vídeo recopilatorio das preguntas formuladas por Espazo Común nas diferentes sesións plenarias, levamos ano e medio advertindo ao alcalde Fumega de que no Asilo do Carballiño e na Fundación que o rexenta estaban a pasar, digámolo así, “cousas”.

Este, lonxe de aportar a documentación requerida, respostou cada vez dun xeito coa súa actitude habitual de pasotismo e desprezo.

Así foi ata que no mes de xaneiro, presentamos unha moción para que se explicara ben ás claras que é o que acontece coa xestión do Asilo, coa administración do amplo patrimonio da Fundación legado polos Irmáns Prieto e unha serie de cuestións máis que ocupan e preocupan á cidadanía desta vila. Tanto coma para que centos de persoas saíran á rúa hai unha semana para pedir transparencia e respecto por un dos principais emblemas cos que contamos.

Fumega é membro do Padroado que dirixe a Fundación dende hai 3 anos e medio e ten que ser, polo tanto, partícipe de tódalas decisións tomadas dende entón.

Ao ocupar un dos tres postos de dirixente da entidade, o alcalde tivo que asinar actas e contas durante este tempo. Sen embargo, leva moitos meses negando saber nada do asunto. Algo imposible.

No pleno en cuestión, Fumega fixo de escapista, como acostuma e non aportou nada do solicitado. Sí se comprometeu a facer entrega de dita documentación na seguinte Xunta de Voceiros a tódolos membros da oposición.

Unha vez máis, mentiu descaradamente. Aínda sabendo que había moitos veciños atentos á resolución da cuestión.

Xa pasou a Xunta de Voceiros onde nos dixo que non tiña nada aínda e que un par de días despois, na Comisión Informativa previa ao Pleno, nolos entregaría. Chegado o día, volta ao mesmo.

“Aínda non mos mandaron, a ver se teño algo o luns” foron as verbas exactas do rexedor.

A conclusión é que Fumega pretende tomarlle o pelo de xeito descarado aos carballiñeses.

Non resulta minimamente crible que sendo un dos tres membros do Padroado (órgano que dirixe todo e sen ninguén por riba) non teña posibilidade de conseguir unha documentación que él mesmo tivo que asinar..

Polo tanto, só procede unha pregunta: Qué o que o alcalde pretende ocultar aos veciños do Carballiño?

Dende logo, Espazo Común non vai claudicar ata que todo o que rodea a este asunto quede claro e transparente. Polo que de non “aparecer” esa documentación antes do Pleno deste vindeiro mércores, tomaremos outra serie de medidas legais para acceder a ela.