Emilio González anuncia en Vilar de Barrio que o Goberno axudará con ata 10.800 € á mocidade que compre vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes

Tamén subvencionará o aluguer a mozos e mozas que opten polo arrendamento de vivenda nestes municipios 

§  O subdelegado reúnese co alcalde de Vilar de Barrio para trasladarlle o programa do Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025

AVANTAR ACTIVIDADES

§  Reitera que o Goberno traballa para facer efectivo o dereito constitucional que recoñece o acceso a unha vivenda digna

§  Lembra que o reto demográfico é unha política transversal que o Goberno está a incorporar a todas as iniciativas para avanzar cara a cohesión territorial e social en España e en Galicia

§  Na provincia de Ourense estas medidas benefician a 87 dos 92 concellos

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, informou hoxe que o Executivo central concederá unha axuda de ata 10.800 euros para a mocidade que decida adquirir unha vivenda para uso habitual en municipios de menos de 10.000 habitantes. Esta subvención terá unha axuda equivalente naqueles casos en que se opte polo alugueiro dunha vivenda en vez da compra. Os beneficiarios e beneficiarias serán aquelas persoas que no momento de solicitar a axuda teñen 35 anos ou menos.

Así o sinalou Emilio González durante a xuntanza que mantivo na mañá de hoxe co alcalde de Vilar de Barrio, Manuel Conde. No encontro, o subdelegado puxo en valor este programa que “facilitará que a mocidade opte polas vilas e os pequenos municipios á hora de iniciar o seu proxecto de vida” e destacou o impacto que pode ter esta medida na provincia de Ourense na que “87 dos 92 concellos entran dentro desta categoría de poboación”.

Emilio González subliñou que con estas novas axudas o Goberno atende a un dereito constitucional básico, ademais de contribuír a asentar poboación moza nos pequenos concellos para evitar o despoboamento. Así mesmo, lembrou que o reto demográfico é unha política transversal do Goberno de España, que se reflicte naqueles programas e medidas que teñen impacto sobre a poboación e o territorio como a vivenda, os servizos públicos e o impulso á actividade empresarial.

AXUDAS PARA COMPRA E ALUGUER

O Programa de axuda ás persoas mozas para contribuír ao reto demográfico é un dos trece programas que forman parte do novo Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025, aprobado polo Goberno.

O obxectivo deste programa é atraer poboación moza aos concellos máis pequenos, facilitando o asentamento da poboación nestes ámbitos. Para isto contémplanse dúas axudas:

– Unha axuda á compra de vivenda, de ata 10.800 euros ou ata o 20% do total de prezo da vivenda. O prezo da vivenda non deberá ser superior a 120.000 euros.

– Unha axuda ao aluguer por cinco anos. Será una axuda mensual que cubrirá ata o 60% da renda mensual, ata un máximo de 360 euros. Esta axuda será compatible co bono de alugueiro mozo, de xeito que pode cubrir ata o 75% do custe do aluguer.

CONVOCATORIAS AUTONÓMICAS

O subdelegado apuntou que estas axudas teñen vixencia dende o 1 de xaneiro polo que, no momento en que se convoquen as ordes correspondentes, beneficiarían os contratos asinados xa dende comezos deste ano.

Explicou que o Ministerio de Transportes, organismo responsable do Plan Estatal, dispón dos fondos nas partidas orzamentarias deste ano que serán transferidos á  Xunta, pois será a administración autonómica a que se ocupe da convocatoria das axudas.