O Psdeg-Psoe de Riós denuncia o “deplorable” estado no que se atopan varias depuradoras do municipio

O Psdeg-Psoe de Riós denuncia o “deplorable” estado no que se atopan varias depuradoras do municipio e esíxelle ao PP un sistema de saneamento do século XXI

Os socialistas veñen de comprobar a situación na que se atopan as depuradoras, que verten augas fecais directamente a regatos próximos e non funcionando de xeito “regular e correcto”

AVANTAR ACTIVIDADES

Poñen o foco na situación da depuradora de Marcelín, que leva 3 meses sen funcionar e verte as augas fecais directamente a un regato, no que consideran un “brutal atentado contra o medio ambiente”

 O PSdeG-PSOE do Riós reclama un sistema de saneamento decente e do século XXI, que evite problemas medioambientais e de saúde pública no municipio. Os socialistas veñen de comprobar o “deplorable” estado no que se atopan varias depuradoras do concello, que nalgúns casos levan meses sen funcionar e vertendo augas fecais directamente aos regatos próximos coa grave problemática que supón para a saúde, motivo polo que consideran que se trata dun “atentado” directo contra o medio ambiente e o ecosistema da contorna.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que nos últimos días achegáronse ata dúas das depuradoras coas que conta o municipio, concretamente a do barrio de Marmulín, na propia capital municipal, e a de Marcelín, onde puideron comprobar as “gravísimas” deficiencias que presentan e que ningunha das dúas “estaban operativas e funcionando correctamente como deberían”. Os socialistas tamén salientan que o cheiro nas inmediacións de ambas infraestruturas era “insoportable e fedorento”.

No relativo a depuradora de Marmulín, os socialistas afirman que a depuradora funciona de xeito “intermitente e irregular”, xa que segundo salientan “a veciñanza xa nos trasladou que hai épocas nas que a depuradora entra en funcionamento e outras nas que está completamente parada e sen depurar as augas fecais que recibe”, circunstancia que puideron comprobar sobre o terreo nos últimos días.

Situación moito máis “grave” atopáronse durante a súa visita a depuradora de Marcelín, xa que tal e como indican a depuradora “leva máis de 3 meses sen funcionar”, o que está ocasionando que as augas fecais “vértanse directamente e sen depurar a un regato afluente do río Marcelín”. Dende o PSdeG-PSOE de Riós consideran que a situación supón un “brutal atentado medio ambiental”, xa que tal e como relatan, “as augas fecais baixan directamente por unha ladeira a un regato que finalmente desemboca no río Marcelín”.

Os socialistas advirten da “gravidade da situación” e dos problemas de saúde que pode ocasionar este anacrónico sistema de evacuación e depuración de augas residuais ao filtrar os excrementos abandonados sine die ós acuíferos, montes e regatos da contorna”. Afirman tamén que nos próximos días tomarán mostras destas augas para enviar a analizar e non descartan en poñer o caso en coñecemento de Medio Ambiente no caso de que o goberno do Partido Popular se negue a buscar algunha solución.

Para o PSdeG-PSOE do Riós “é urxente” a posta en marcha de medidas que paren os desafíos aos que se enfronta o concello á hora de devolver a auga á natureza nun estado “óptimo” e que “non sexa prexudicial para o medio ambiente”.  Os socialistas esíxenlle ao rexedor do PP, Francisco Armando Veiga Romero que “tome cartas no asunto e proceda a solucionar esta problemática de xeito inmediato”, xa que tal e como apunta “non pode ser que se estea contaminando o noso propio municipio e o Partido Popular mire para outro lado”. Por este motivo trasládanlle ao rexedor a “necesidade de que se poña a traballar dunha vez por todas polos veciños e as veciñas do Riós”.