A Xunta escolle a estación de autobuses para ubicar o novo centro de saúde

Os técnicos do Sergas encargados de avaliar as posibles localizacións para o futuro centro de saúde do Carballiño optaron pola parcela da estación de autobuses, despois de que o Concello remitise varias opcións á Consellería de Sanidade.

É propiedade municipal e foi cedida no seu momento a Patrimonio da Xunta para a instalación da estación. Hoxe hai o compromiso de trasladalo a carón do tren, para levar a cabo a intermodal. A ubicación no casco urbán facilita o acceso a pe, pero será necesario construír un aparcamento.

AVANTAR ACTIVIDADES

O novo centro de saúde do Carballiño está previsto no marco da primeira fase do Plan de Infraestruturas de Atención Primaria, que foi aprobado o 29 de outubro de 2021. Prevese contar con 22 consultas de adultos e odontoloxía, infecciosa, pediátrica, muller e fisioterapia. Ademais, contará cun despacho para a traballadora social, catro salas polivalentes, unha para a docencia e unha zona de recollida de mostras.