O Psedg de A Veiga denuncia a falla de medico de garda as fins de semana

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de A Veiga denuncia a falta de médico de garda nalgunhas fins de semanas, situación que está a causar “graves” problemas entre a veciñanza. Os socialistas explican que o pasado domingo día 20, unha veciña do municipio de 92 anos de idade atopouse indisposta, pero non puido recibir atención sanitaria ante a ausencia do médico de garda, falecendo pouco despois e a pesar de que ata o lugar se desprazou unha ambulancia do 061 dende A Gudiña, que tardou unha hora en chegar, pero nada puido facer para reanimar a esta veciña.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican que esta situación “non é nova” e apuntan a que “levamos tempo denunciando o abandono reiterado por parte das institucións ao noso municipio e veciñanza”. Os socialistas afirman que a saúde da veciñanza “é prioritaria” e por este motivo esixen unha solución “definitiva” a este “gravísimo” problema de falta de facultativos no municipio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O concello de A Veiga é o máis extenso da provincia, con 290,50 quilómetros cadrados e conta con 29 núcleos de poboación e unha densidade poboacional de 3,05 habitantes por quilómetro cadrado. Tal e como apuntan os socialistas “somos un dos concellos coa idade media máis alta da provincia, que chega aos 60 anos”. Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de A Veiga esixen “solucións para que a nosa veciñanza teña a atención sanitaria que merece”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en A Veiga, Fernando Fernández Yáñez, relata que hai núcleos de poboación que “distan do Hospital Comarcal de Valdeorras en máis de 60 quilómetros, e esta circunstancia fai imprescindible contar cun médico de urxencias permanentemente na Veiga”. Ante o acontecido coa veciña falecida, o edil socialista esixe que as gardas médicas “sexan presenciais na Veiga, para que nunca se volva repetir un incidente como o acontecido fai uns días e no que a veciña non puido ser atendida de urxencia ante a ausencia dun médico”.

Fernández Yáñez tamén denuncia a “falta dun desfibrilador e de persoal capacitado para a súa correcta utilización” e por este motivo pídelle ao rexedor do Partido Popular, Juan Anta Rodríguez, que “xestione esta carencia de maneira urxente e que os membros do GES, que teñen a súa base na Veiga, dispoñan dun desfibrilador e estean formados para poder prestar este servizo de urxencia”.