Marina Ortega do grupo socialista pide á Xunta que incremente o persoal de radioloxía no Chuo para axilizar as listas de espera dos doentes pendentes de tac

Marina Ortega do grupo socialista pide á Xunta que incremente o persoal de radioloxía no Chuo para axilizar as listas de espera dos doentes pendentes de tac, especialmente das persoas enfermas de cancro

Marina Ortega cualifica como “inasumible” que existan demoras para doentes de cancro de ata 5 meses por “falla de persoal” no servizo de Radioloxía e urxe a arranxar esta situación tendo en conta que “Ourense é a segunda provincia de España coa taxa de incidencia máis alta de cancro”

AVANTAR ACTIVIDADES

A deputada socialista Marina Ortega vén de pedir á Xunta que incremente o persoal do servizo de Radioloxía no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para axilizar as listas de espera de doentes pendentes de TAC, especialmente das persoas enfermas de cancro. Fíxoo, hoxe, tras presentar unha batería de iniciativas na Cámara galega para urxir esta cuestión.

Tendo en conta a “gravidade” que supón unha diagnose de cancro para a vida das persoas e os “alarmantes” datos da provincia de Ourense, Ortega cualificou de “inasumible” que existan casos de demora nos TAC para doentes de cancro nos que existe unha estimación de demora de máximo tres meses, segundo criterio dos facultativos, e que se está demorando nalgúns casos ata os 5 meses “por falla de persoal”.

“A situación na provincia, tanto no hospital de referencia como nos hospitais comarcais de Verín e O Barco, é absolutamente precaria, xa que existen enormes problemas por falla de persoal, recorte de especialidades, listas de agarda e saturación nas urxencias”, afirmou Ortega.

Estas circunstancias supoñen un “enorme prexuízo” para a veciñanza e máis cando sabemos que “Ourense é a segunda provincia de España coa taxa de incidencia máis alta de cancro, chegando a 858 casos por 100.000 habitantes, e a provincia rexistra a taxa de mortalidade máis elevada do país con 376 defuncións por cada 100.000 habitantes”.

“Os datos son demoledores”, sentenciou Ortega, quen lembrou que só no ano 2021 unhas 2.616 ourensás e ourensáns recibiron unha diagnose de cancro e, concluíu, “para todas e todos eles as revisións periódicas que prescriben os facultativos poden supoñer unha arma poderosa para unha diagnose precoz e un tratamento temperá”, polo que “é unha situación que se debe solucionar de inmediato por parte dos Sergas”.