O deputado autonómico do PSdeG Juan Carlos Francisco Rivera, vén de comunicar de forma oficial que renuncia a súa acta no Parlamento

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

 O deputado autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, Juan Carlos Francisco Rivera, vén de comunicar de forma oficial que renuncia a súa acta no Parlamento de Galicia por motivos “estritamente” persoais e familiares. O parlamentario autonómico dos socialistas ourensáns compareceu esta mañá en rolda de prensa, acompañado polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, para aclarar os motivos da súa renuncia como deputado autonómico.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Francisco Rivera aproveitou para expresar o seu agradecemento ao PSdeG-PSOE pola “confianza depositada en min para ocupar cargos orgánicos e institucionais”. Sinaladamente tamén amosou un agradecemento “especial” a Gonzalo Caballero que segundo manifestou “me permitiu encabezar a lista o Senado en dúas ocasións e tamén formar parte da lista ao Parlamento de Galicia”. O ex secretario de organización dos socialistas ourensáns tamén tivo palabras de agradecemento para Rafa Villarino do que dixo “é meu amigo e teño unha relación que vai máis aló da política e sempre me amosou a súa confianza e estivo ao meu carón a hora de tomar decisións complexas”.

O ata o de agora parlamentario autonómico tamén fixo fincapé en que “voume da vida institucional, política e orgánica, pero non me vou do partido, xa que estarei a disposición do PSOE sempre para loitar e conseguir os obxectivos que demanda a cidadanía desta provincia e que non son outros que gobernar a cidade e a provincia”. Neste senso, Juan Carlos Francisco, tamén sinalou que “seguirei ligado a este proxecto colectivo e estou a disposición do partido para todo aquelo no que poida axudar como militante de base”.

Francisco Rivera tamén quixo deixar claro que o detonante da súa marcha son “cuestións persoais e familiares” e apuntou a que nesta decisión “non teñen nada que ver cuestións orgánicas ou do partido, deixo a miña condición de deputado por motivos estritamente persoais”. Francisco tamén tivo palabras de agradecemento para Pedro Puy, voceiro do Partido Popular, que o chamou persoalmente para darlle ánimos e do que o socialista dixo “é unha persoa encantadora, compañeiro e rival político, dun nivel excepcional e superlativo”.

Pola súa banda o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, quixo amosar a súa “gratitude” a Juan Calos Francisco, e destacou o seu “excelso rendemento” durante os seus anos de servizo ao partido e á cidadanía. Neste senso, o líder dos socialistas ourensáns apuntou a que “toda a vertebración do partido débese o seu traballo, un traballo que empregamos agora para seguir medrando como organización política”. Villarino tamén dixo de Juan Carlos Francisco que “é unha persoa cun forte compromiso político e das persoas con maior criterio que coñecín na miña vida, cunha visión global que non é fácil de atopar e por iso imos a seguir contando con el, e sempre vai ter as portas abertas da nosa formación”.

Juan Carlos Francisco Rivera presentará a súa renuncia oficial este próximo mércores pola mañá diante da mesa do Parlamento. O seu substituto será Eduardo Ojea, número 4 da lista dos socialistas ourensáns ao Parlamento de Galicia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------