O PsdeG lamenta que o PP rexeite solicitarlle ao consello da cultura galega un informe sobre o proxecto do acceso a san Pedro de Rocas

O grupo socialista lamenta que o PP rexeite solicitarlle ao consello da cultura galega un informe sobre o proxecto da Deputación de Ourense de modificación da estrada ou-0509 no acceso a san Pedro de Rocas

Noa Díaz traslada a súa “preocupación” e urxe a priorizar a defensa dunha “xoia” patrimonial: “non discutimos a mellora da estrada, pero non cun proxecto pensado unicamente para fomentar o turismo masivo, senón como un proxecto sostible e racional”

AVANTAR ACTIVIDADES

A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, pediu hoxe ao Consello da Cultura Galega, en calidade de máximo órgano estatutario en materia de cultura en Galicia, que elabore un informe urxente sobre o proxecto da Deputación de Ourense de modificación da estrada OU-0509 no seu acceso a San Pedro de Rocas.

A cuestión, abordada na sesión de hoxe na Comisión de Cultura do Parlamento a través dunha proposición non de lei promovida polo PSdeG, foi rexeitada polo PP, que se opuxo co seu voto en contra.

“Se ben entendemos que o necesario progreso e o benestar da cidadanía ten que estar sempre por riba de todo, tamén pensamos que isto non pode estar nunca rifado co respecto ao noso patrimonio natural e cultural”, reivindicou Díaz. Así, malia que “entendemos a mellora da estrada”, a voceira socialista cuestionou tanto a súa “magnitude” como a súa “motivación”.

En pregunta parlamentaria hai ano e medio, lembrou a socialista, “o Conselleiro de Cultura recoñeceu que era un acceso viario, con maior ou menor necesidade, a un ben patrimonial para facilitar que se poida visitar”. “Esa é a única motivación da obra e esa é a nosa preocupación”, argumentou a socialista, tras incidir en que “o debate é a necesidade da obra na dimensión proxectada”, xa que esta non é para facilitarlle a vida a veciñanza, “senón para facilitar un turismo masivo”.

Neste marco, incidiu, “non discutimos a mellora da estrada, pero non cun proxecto pensado unicamente para fomentar o turismo masivo, senón como un proxecto sostible e racional”.

“Doe ver as barbaridades que estamos cometendo no nome do progreso e non queremos que esta sexa unha máis delas. Porque estamos falando dunha das máis valiosas xoias culturais e paisaxísticas do noso país”, subliñou Díaz, quen lembrou os dous informes desfavorables da Xunta en relación a este asunto.

INFORMES DESFAVORABLES PREVIOS POR PARTE DA XUNTA

O primeiro, do ano 2011, sinalou, aseguraba que as obras afectaban á zona de protección do conxunto de San Pedro de Rocas e directamente á Casa da Coutada e o cruceiro, tamén BIC, e non permitía modificar o trazado da estrada existente, “que é precisamente o que se pretende agora”.

No seguinte informe, do ano 2018, a Dirección Xeral entendía, tal e como lembrou Díaz, que a obra proposta estaba na zona de influencia do mosteiro e resultaba desfavorable porque, en palabras literais, argumentaba que “para a súa posible autorización, deberan revisar o proxecto presentado na súa totalidade, de xeito que se respecten as cualidades do lugar e da paisaxe”.

Malia estes dous documentos, no último informe, “o único favorable”, subliñou a socialista, di que a obra non pode supor a perda dos valores culturais dos elementos patrimoniais afectados, “mais obvia o que asumían os anteriores” con respecto a que estes elementos se atopan dentro da zona de influencia do BIC San Pedro de Rocas.

Por todo isto, Díaz chamou a confiar na capacidade do “equipo multidiciplinar” que conforma o Consello da Cultura Galega para que “realice un informe urxente sobre esta pretendida obra”, tendo en conta que o mosteiro de San Pedro de Rocas, situado no concello ourensán de Esgos, “é único por estar escavado na rocha natural” e foi “testemuña dos primeiros asentamentos eremitas”, “cunhas orixes documentadas que se remontan ao ano 573”.

“É un dos templos cristiáns más antigos que se coñecen na península e probablemente en Europa. É Patrimonio Histórico Nacional dende 1923 e BIC dende 1999, e como se empraza na Ribeira Sacra, forma parte tamén do BIC Ribeira Sacra Paisaxe Cultural dende 2018”, concluíu a socialista.