O concello de Ribadavia recuperará un novo espazo público na zona monumental.

O CONCELLO CONVERTERÁ UN SOLAR USADO COMO APARCAMENTO NUNHA NOVA PRAZA PÚBLICA EN RIBADAVIA.

O Concello de Ribadavia creará unha nova praza pública recuperando un antigo solar usado como aparcamento. Ribadavia gañará un novo espazo público situado estratexicamente na zona monumental: está a carón dunha das entradas ao auditorio do Castelo e á muralla medieval da Porta Nova.  O goberno de Ribadavia fixouse como reto a mellora e dinamización do casco histórico, así como o seu maior coidado e limpeza. 

AVANTAR ACTIVIDADES


Para conseguir a recuperación deste espazo, o Concello iniciou os contactos na primeira semana de goberno, e despois de un mes logrou adquirir este solar da rúa Porta Nova de arriba. A pesar de non estar permitido aparcar no casco histórico e de estar ao lado dunha das principais entradas á zona monumental de Ribadavia como é a Porta Nova, este solar acabou converténdose nun aparcadoiro. 


Desde o Concello queremos agradecer a boa disposición e as facilidades neste proceso da familia herdeira, pois non era unha tarefa inicialmente doada, xa que as persoas herdeiras eran moi numerosas e a historia deste solar foi unha inxustiza histórica que o Concello cometeu con esta vivenda e cos seus propietarios fai máis de 3 décadas. 


O propietario orixinario foi Manuel González González, “O Serronco”, un veciño de Ribadavia que foi represaliado por republicano e morreu no penal da Illa de San Simón nos anos da represión falanxista.  Xa nos anos 80, os seus herdeiros non puideron evitar que a casa fora derruída inxustamente polo Concello, sendo espoliados os seus restos arquitectónicos, entre eles  varios escudos históricos. 


Agora, con esta adquisición o Concello está traballando na conversión deste solar nunha praza pública, humanizada con mobiliario urbano e plantas, mellora da iluminación, e na que ademais haberá sitio para a memoria histórica da casa e do seu propietario, cunha fotografía da casa derruída e unha mención a Manuel González “O Serronco”. 


Todo este proceso realizouse da man dos servizos técnicos e xurídicos do Concello, sendo supervisado en todo momento polo Secretario Municipal e axustándose aos criterios técnicos da Arquitecta Municipal.  A adquisición fíxose por acordo entre Concello e herdeiros/as, a través da figura de “expropiación de mutuo acordo”. 


Desde o Concello faremos todo o posible para que o casco histórico dispoña deste novo espazo mellorado para uso e desfrute de veciños e veciñas e dos milleiros de visitantes que Ribadavia ten cada ano