Gabriel Alén destaca a implicación da sociedade Galega no éxito do programa ‘o teu Xacobeo’

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado de Cecilia Pereira, comisaria do Xacobeo 2021 – 22, fixo balance esta mañá na Delegación Territorial de O Teu Xacobeo, unha iniciativa pioneira que permitiu construír unha programación sociocultural cara á celebración do Xacobeo 2021·22 que permitira reforzar a implicación da sociedade galega nesta celebración.

Gabriel Alén destacou o éxito deste programa, que conta con tres convocatorias que sumaron un total de 689 proxectos concedidos cun investimento de 9,5 millóns de euros e 17,5 millóns mobilizados. “Foi a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais da historia de Galicia que tiña como obxectivo implicar a todo tipo de colectivos e ao tecido social na difusión do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar, poñendo así de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto de toda a sociedade galega”, subliñou o delegado territorial, que fixo fincapé no alto porcentaxe de execución dos proxectos concedidos, que xa supera o 90% no conxunto das dúas edicións.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Un escenario – sinalou Gabriel Alén- no que O Teu Xacobeo busca, precisamente, iso: compartir entre todos o Camiño a través de centos de grandes e pequenas propostas, cada unha no seu estilo, cada unha cunha visión diferente e atractiva sobre a nosa terra”.

O delegado territorial detallou que na provincia de Ourense executaron 74 proxectos que abrangueron a totalidade dos concellos da provincia; un programa que implicou á sociedade civil, á que se animaba a crear e levar adiante proxectos que foran do seu interese. Ao abeiro desta iniciativa puidéronse desenvolver iniciativas musicais e probas deportivas, de promoción e posta en valor do patrimonio, a gastronomía ou a cultura

“Un Xacobeo inclusivo -continuou Gabriel Alén-para todas e todos, entidades públicas e privadas e que abrangueu os  ámbitos do turismo, cultura, deporte, pensamento… nas catro provincias de todo o territorio galego,  non só aqueles concellos polos que pasa o Camiño”.

Pola súa banda, a comisaria do Xacobeo 2021 – 22, Cecilia Pereira,  recalcou que o programa cumpriu, ademais, co obxectivo desestacionalizador e descentralizador co que se abordou a adaptación da programación deste Xacobeo, espallando as actividades en máis de 200 concellos das catro provincias que implicaron a asociacións, entidades públicas e privadas e que permitiron abordar o fenómeno do Xacobeo e do Camiño desde unha perspectiva multidisciplinar.

Cecilia Pereira precisou para rematar que o programa de O Teu Xacobeo permitiu incrementar a implicación a nivel local na celebración deste Ano Santo, dinamizar todo o territorio con actos pequenos, diversos e máis dinámicos a través dos que se espallaron e se fixeron máis presentes os valores do Camiño na propia sociedade galega.