O PsdeG de Ourense insta ao bigoberno a adherirse a alianza país pola pobreza infantil cero e a sumerse a todos os proxectos que axuden aos máis vulnerables

Os socialistas consideran de “vital importancia” non perder o “tren” de subvencións neste senso e lembran que o Goberno central vén de transferir á Xunta 13,6 millóns para axudar nestes obxectivos

Esíxenlle a PP e DO que “cumpran” coas súas funcións e que busquen todas as axudas posibles para “reforzar” as prestacións básicas dos servizos sociais para lograr unha “maior cobertura”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 27 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense insta ao concello de Ourense a adherirse a Alianza País pola Pobreza Infantil Cero, unha iniciativa do Alto Comisionado contra a Pobreza Infantil, dependente do Goberno de España. Os socialistas consideran “vital” sumarse a este tipo de proxectos, así como optar a todas as subvencións posibles para pór en marcha medidas de protección da familia, atención á pobreza infantil e financiar as prestacións básicas dos servizos sociais.

Neste senso, dende o grupo municipal socialista consideran de “vital importancia” non perder o “tren” de subvencións nesta materia e lembran que neste mesmo mes, o Goberno central transferiu á Xunta de Galicia 13,6 millóns de euros para axudar nestes obxectivos, dos que 7,1 millóns destinábanse a cofinanciar prestacións básicas de servizos sociais e nas que se contemplan tamén axudas da propia Xunta e dos concellos. “O concello de Ourense non pode ser alleo a estas liñas de axudas e máis cando a propia concelleira, Eugenia Díaz Abella, recoñece que o orzamento para axudas sociais está practicamente finiquitado”, apuntan os socialistas.

O PSdeG-PSOE de Ourense esíxelle ao bigoberno de PP e DO que “cumpran” coas súas funcións e que busque todas as axudas posibles para “reforzar” as prestacións básicas de servizos sociais, lograr unha “maior cobertura” nos programas de apoio ás familias, “loitar” contra pobreza infantil e que articule con “máis recursos” unha “mellor resposta” a estas situacións. Os socialistas sinalan que o Goberno central “está comprometido coa protección social das familias e colectivos vulnerables e agora ten que ser o concello o que tamén amose ese compromiso”.

A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Concepción García Lozano, salienta que o goberno municipal “debe ter en conta esta iniciativa e adherirse de forma inmediata para loitar contra a pobreza infantil e para potenciar uns servizos sociais que non están dando cobertura suficiente ás necesidades dos ourensáns e as ourensás”. Neste senso, a edil socialista fai fincapé en que “se o Goberno central está a cumprir con transferencias ao ente autonómico e unha liña de axudas ampla, o goberno local non pode ignorar estas liñas e ten que adherirse, sumarse e aportar todo o que sexa posible para rematar coa pobreza infantil”.

A Alianza País pola Pobreza Infantil Cero ten como obxectivo principal “cambiar a senda da pobreza infantil, mediante o fomento da participación conxunta e a consecución de acordos entre un amplo conxunto de actores clave para conseguir un pais que proporcione iguais oportunidades a todos os seus cidadáns e romper, deste xeito, o círculo da pobreza infantil”. Os socialistas apuntan a que a pobreza infantil ten “múltiples dimensións”, en materias como a educación, a sanidade, a nutrición, os coidados, o acceso á vivenda ou a fenda dixital e consideran que para abordalas “hai que traballar cunha aproximación transversal e perspectiva de infancia que teña en conta as necesidades específicas das crianzas e a mocidade en situación de vulnerabilidade”.