Espazo Común traballará para deter a decisión da Xunta de pechar un aula do colexio Campo da Feira

Publicidade ASPADISI

Sería un novo golpe ao futuro do Carballiño coa perda doutro servizo polo que levaremos unha iniciativa ao vindeiro pleno para recabar o apoio de tódolos grupos da corporación.

Hai que impedir a toda costa este primeiro paso que conducirá irremediablemente ao peche total do centro.

HIPER MASIDE

Nos vindeiros días convocaremos unha reunión con tódolos afectados para procurar solucións que eviten esta nova aldraxe.

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia ven de confirmar aos membros da comunidade educativa do CEIP Calvo Sotelo a súa intención de pechar xa dende o vindeiro curso a aula de nenos de 3 anos do centro do Campo da Feira.

É esta unha inaceptable nova que resta unha opción de escolarización, agora e no futuro, para moitas familias nunha zona densamente poboada.

Non hai máis que ollar o acontecido noutros lugares semellantes para ter a certeza de que este é só o primeiro paso para o peche total dese centro. Se este ano se suprimen a clase de 3 anos, para o ano xa non haberá a de 4 e así sucesivamente ata a desaparición total. Se se consinte o peche, xa non voltará a abrir.

Esta nova é outro cravo no ataúde do futuro da nosa vila que, día a día, perde servizos, perde atractivo e perde poboación a pasos axigantados.

No derradeiro pleno falouse claramente dunha perda de case 200 habitantes nun só ano e o que é aínda peor, un preocupante envellecemento da poboación.

Todo elo a causa dunha ausencia total de políticas para atraer a poboación nova e do fomento da natalidade por parte do Concello nos últimos anos.

Nin servizos de conciliación, nin infraestruturas deportivas, nin novas zonas de xogo infantís… A lista é interminable pero agora o que toca é revertir esta dinámica e freala dende xa con accións concretas que impidan o peche desa aula que de permitirse será a primeira de moitas.

Dende Espazo Común, aparte de traballar ata o derradeiro pulo para evitar que se leve a termo esta decisión, traballaremos na posta en marcha de programas que fagan de novo do Carballiño unha vila atractiva e que fixe poboación xoven para garantir un futuro para os que veñen detrás.

No canto de defender a nosa posición como primeira vila da provincia, semella que haxa unha resignación incomprensible e unha nula perspectiva de proxecto de pobo.

Entre outras accións, convocaremos nos vindeiros días a tódolos afectados (profesores, pais, persoal para tomar decisións sobre como afrontar e revertir esta situación e levaremos unha moción ao vindeiro pleno para que tódolos grupos da corporación apoien as iniciativas encamiñadas a elo.