O PsdeG de Beade denuncia que o alcalde fai “oídos xordos” ante as reclamacións veciñais e da oposición para o arranxo e limpeza da fonte nova.

Os e as socialistas critican que o alcalde ignora por “completo” as reclamacións e queixas e afirman que o estado da fonte “é lamentable” e o “perigo para a saúde pública vai en aumento”

A concelleira, Carmen Rama, sinala que a situación “é moi preocupante”, xa que segundo apunta “Pousa entrou nun bucle de non atender as numerosas demandas da oposición e a veciñanza”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE de Beade denuncia que o alcalde do municipio, Senén Pousa, ignora por “completo” as reclamacións da veciñanza e fai “oídos xordos” as queixas polo “lamentable” estado no que se atopa a Fonte Nova, sita no centro do municipio, na estrada de Beade a Beariz. Os socialistas presentan un escrito no que reiteran “novamente” a necesidade de arranxar con “urxencia” esta fonte que da unha imaxe de “abandono total” e “desleixo” tanto á veciñanza como aos turistas que nos visitan.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que a veciñanza “leva meses reclamando o arranxo de esta fonte, sen que Pousa mova un só dedo para facelo”. Os socialistas recolleron as queixas da veciñanza que lle volveron a trasladar a un rexedor que “non mira polos intereses de Beade, nin escoita as suxestións dos veciños e veciñas, fartos da súa nefasta xestión”. Segundo apuntan os e as socialistas a situación “chegou ao límite” debido o mal estado da obra arquitectónica e a que a auga en palabras da poboación presenta un estado “noxento”.

Os socialistas lembran que no pasado mes de marzo impulsaron a colocación de carteis en varias fontes do municipio, nos que se indicaba que o consumo de auga non era potable, e tras varios meses reclamándolle ao Concello esta medida, o alcalde “ao fin tivo ao ben facelo”, iso si “despois de que varios veciños e veciñas sufriran episodios de gastroenterite por beber de ditas fontes”. Neste senso, dende o PSdeG-PSOE de Beade afirman que o alcalde “non toma medidas ata que se produce unha problema grave, o que está a provocar que a veciñanza estea farta da súa forma de actuar e xestionar”.

Para a concelleira do PSdeG-PSOE no municipio, Carmen Rama Cotelo, a situación “é moi preocupante”, xa que segundo apunta “o alcalde entrou nun bucle de non atender as numerosas demandas da oposición, e tampouco as queixas da veciñanza”. A edil socialista tamén apunta a que “xa lle advertimos en numerosas ocasións do mal estado desta fonte, que en inverno e coas xeadas nas beirarrúas, podía provocar caídas e danos físicos aos nosos veciños e veciñas”. Tal e como apunta, “xa fai meses que lle pedimos solución para dita fonte, pero estamos en maio e a situación non variou”.

Rama Cotelo tamén subliña que “a pesares de que se colocou un cartel indicando que a auga non é potable, e tras iniciativa dos socialistas, o perigo vai en aumento, xa que a construción está rodeada de feces que poden contaxiar a animais e persoas, ademais de mofos húmidos por mor das perdas de auga que poden facer esvarar e caer aos peóns”. Ademais, de que tal e como apunta a edil do PSdeG-PSOE “o estanque está cuberto de augas sen movemento nas que se cría unha vexetación que atrae a unha variada fauna de mosquitos e insectos que poden picar a xente e causa infeccións de todo tipo”.

Ante esta situación, dende o PSdeG-PSOE de Beade esixen que se actúe con “urxencia” e se proceda a limpeza e arranxo da Fonte Nova. Un traballo que tal e como apuntan “podería contratarse a calquera traballador do municipio ou de preto, xa que para pór en valor a fonte non fai falla un enxeñeiro”.