A Deputación e O Concello de Cortegada reforzan a súa colaboración para a mellora de infraestruturas e servizos termais

Reunión Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense) con Avelino L. De Francisco Martínez (Alcalde do Concello de Cortegada).

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao alcalde, Avelino de Francisco, no marco dunha “magnífica relación e sintonía entre ambos gobernos” 

O presidente puxo énfase nas actuacións relacionadas co termalismo “como proxecto clave para un concello que é unha das mellores postais da provincia” 

AVANTAR ACTIVIDADES

O rexedor agradeceu “a colaboración plena e maila implicación absoluta da Deputación e o seu presidente” co sector termal, esencial para Cortegada 

A Deputación de Ourense reforzará a súa colaboración co Concello de Cortegada para a mellora de infraestruturas e servizos termais, un ámbito estratéxico para a economía e o turismo local. Esta é unha das conclusións do encontro que mantiveron no Pazo Provincial Manuel Baltar e o alcalde, Avelino de Francisco, no marco dunha “magnífica relación e sintonía entre ambos gobernos”, destacou o presidente provincial.  

Desde a Deputación, dixo Manuel Baltar, “manteremos a colaboración con Cortegada como vimos facendo e seguiremos a facer no futuro”, poñendo énfase nas actuacións relacionadas co termalismo “como proxecto clave para un concello que é unha das mellores postais da provincia”. Ademais do acondicionamento do vello balneario, sinalou, “contribuímos á posta en marcha das novas instalacións, nas que seguimos prestando a nosa colaboración para a súa mellora”.  

Infraestruturas viarias, actuacións no parque empresarial, accións en materia de medio ambiente, equipamento para locais de asociacións de veciños, dotacións deportivas como o campo de fútbol ou o apoio á política cultural do Concello foron outras das áreas de cooperación citadas por Manuel Baltar. 

Entre tanto, Avelino de Francisco agradeceu “a colaboración plena e maila implicación absoluta da Deputación e o seu presidente co termalismo, esencial para Cortegada”. O alcalde detallou neste sentido algunha das melloras que desexan executar na área termal como o acondicionamento das zonas próximas á piscina, ao propio balneario e o pediluvio.