Apertura da exposición “Percepcións” no Museo da Limia

IES CHAMOSO LAMAS

Será este mércores día 15 a patir das 17:30 h no Museo da Limia en Vilar de Santos

O Museo da Limia acolle na culminación da primavera, para ilustrarnos e refrescarnos a ardencia do verán que se asoma, as excelentes aportacións de dous noveis creadores da Biblioteca da Limia, concretadas en fotografías das fortalezas, pantallas do entroido e proceso de elaboración do pan, ilustracións científicas de flores, moluscos, escaravellos e paxaros, plasmadas con acuarela e técnica dixital, estampas da Saínza traballada con grafito e unha pantalla do entroido de Xinzo, pintada ao óleo.

HIPER MASIDE

Celebramos así a súa presenza e agasallamos aos visitantes con esta exposición dual, na que os autores entretecen un mañuzo de fotografías e pinturas, estampando, nas pedras que conforman a vella reitoral de Vilar de Santos, un interesante álbum de realismo, matizado pola creatividade da cámara de Bruno e a limpa perfección do puño de Ledicia, ata converter as creativas percepcións dos dous autores nun mosaico de diversidade onde se asoman, dende as entrañas dos penedos, as torres do Castro, Pena e Porqueira para vixiar a fartura da nosa chaira limiá para recrear as nosas tradicións festivas, sempre representadas pola plasticidade das pantallas do entroido de Xinzo, cumprimentadas no simbolismo da teimuda subsistencia, que aparece nitidamente definida, como non podía ser doutro xeito, no proceso da elaboración do pan. E todo iso adobiado na inmensidade e colorido da beleza de flores, cascarolos e outros elementos da natureza, presididos pola mirada doce e íntima do noso gran poeta, Antón Tovar.

Ledicia Prieto (Araliart)

San Pedro (Rairiz de Veiga), 1994

Bióloga e ilustradora científica, intentou sempre unir as súas grandes paixóns, obtendo esta serie de ilustracións científicas que mostran diferentes seres vivos e procesos biolóxicos.

Como limiá, tamén lle interesou plasmar os elementos máis representativos da nosa terra, representados noutras ilustracións, como o noso Entroido, as torres da Limia ou a festa da Saínza.

Bruno Simón (Bs17photography)

Medeiros (Monterrei), 19941

Fotógrafo autodidacta apaixoado pola natureza, trae unha serie de fotos do cotián.

Por unha parte, na serie de fotos “Torres da Limia” mostra unha visión diferente das tres Torres dentro do seu elemento natural: a fermosa chaira coas montañas que a rodean en diferentes épocas do ano.

Ademais, noutra serie de fotografías plasma o proceso de elaboración do pan da maneira máis tradicional posible nun forno de aldea; e noutra mostra o noso fermoso Entroido.