Se o pasado xoves informabamos de que a área de atención primaria do Carballiño, que inclúe os concellos da comarca excepto Cea e Piñor, levaba o seguimento de 37 casos de coronavirus, ao peche da xornada de onte o número ascendía aos 63 casos positivos. A maioría dos novos contaxios son de carácter social e continúanse a facer PCRs e o rastrexo de contactos estreitos.
Seis establecementos hostaleiros do Carballiño pecharon nos últimos días como consecuencia da Covid-19. Así o anunciaron a través das súas redes sociais durante esta fin de semana. Os motivos son varios: uns vense obrigados a pechar as súas portas porque un dos seus traballadores deu positivo en coronavirus, outros por contacto estreito cun positivo ou por saber que un positivo estivo no establecemento en días pasados.
A decisión en moitos casos é como medida preventiva e para realizar traballos de desinfección. Non son os primeiros locais que teñen que tomar esta medida na vila nas últimas semanas, aínda que algúns dos que xa o fixeron xa volveron á súa actividade diaria.
OS CENTROS EDUCATIVOS NON FORON ALLEOS AO AUMENTO DE CONTAXIOS PRODUCIDO NOS ÚLTIMOS DÍAS NA NOSA COMARCA
Dous alumnos do IES nº 1 Carballiño deron positivo esta fin de semana. A dirección do centro xa comunicou ás familias e profesores a incidencia. Os alumnos están nos seus domicilios gardando corentena así coma 10 alumnos do seu círculo cercano. A directora do centro asegura que se seguiu o protocolo e que as clases seguiron na xornada de hoxe con normalidade.
No outro instituto do Carballiño, o IES Manuel Chamoso Lamas tamén producíase a comunicación dun caso positivo e foi xa establecido o protocolo de seguridade e corentena dos seus contactos mais próximos para que a aula afectada poida seguir funcionando con normalidade.
Tamén no colexio Virxe da Saleta de San Cristovo de Cea rexistrouse un caso positivo dentro da súa comunidade educativa.
GALICIA SOBE OS CASOS ACTIVOS EN 63 NA ÚLTIMA XORNADA, CON DOUS FALECEMENTOS E A PROVINCIA DE OURENSE REBASA A CIFRA DOS 1000 CASOS ACTIVOS
Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.101 (+63).
Do total de pacientes positivos, 37 (+1) están en UCI, 204 (+12) en unidades de hospitalización. Rexistrándose 757 (2+) falecementos, dúas mulleres de 96 e 90 anos con patoloxías previas ingresadas no CHUO.
A PROVINCIA DE OURENSE, ALCANZA OS 1.037 CASOS ACTIVOS, E ÁLZASE COMO A DE MAIOR INCREMENTO DA COMUNIDADE GALEGA
A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistra hoxe 1.037 (91+) casos activos de coronavirus; deles, 73 (-9) están ingresados, 7 están na UCI. Na maior parte trátase de brotes familiares, a maioría con idades entre os 35-45 anos, algún menor, e preocupantemente, os avós. Trátase de 117 casos novos nunha xornada e 24 altas.