A Xunta de Galicia amósase receptiva ás demandas da Plataforma Cidadá “O Campo da Feira non se pecha”

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este pasado venres tivo lugar unha xuntanza solicitada polos membros desta Plataforma coa Xefatura  Territorial de Educación da Xunta de Galicia.

Despois de intensas semanas nas que quedou patente a vontade do pobo do Carballiño de pelexar para manter aberto este centro educativo, coa recollida de máis dun milleiro de sinaturas en poucos días ou o acordo unánime da corporación municipal, tocaba dar traslado ao máximo órgano educativo da provincia das nosas demandas.

Á reunión acudiron Érika Paz e Teresa Márquez, en representación das dúcias de persoas e colectivos que forman parte acitva deste movemento social.

A reunión transcorreu na máis absoluta cordialidade e o xefe territorial José Fisteos Suengas comprometeuse a traballar para manter este ano a aula de 3 anos ou, cando menos, a procura de fórmulas para que os nenos desta idade poidan ser escolarizados no Campo da Feira.

Asemande, uns e outros, comprometémonos a traballar arreo durante o vindeiro curso para evitar que se repita a situación deste ano e aumentar a matrícula de estudantes nos centros públicos, na actualidade absolutamente balanceada en favor dos colexios privados, algo nunca antes visto no Carballiño.

A mediados da semana que vén agardamos ter a resposta definitiva da Xefatura Territorial de Educación e comezar así un novo tempo para os colexios públicos do Carballiño, corrixindo erros do pasado e coa implicación de Concello, Xunta, colectivos, dirección do centro, revertindo a actual situación.

                                                                                

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------