A Xunta inviste 300.000 euros en obras de mellora no Ceip Mestre Vide

IES CHAMOSO LAMAS

O delegado territorial da Xunta supervisou esta mañá o remate das obras no centro educativo

  • O delegado territorial resaltou a resolución do Consello da Xunta do pasado 8 de abril pola que se deu luz verde á licitación dun expediente por case 5 M€ para a adquisición de máis de 42.500 unidades de mobiliario conforme o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
  • Gabriel Alén puxo en valor axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial cunha dotación de 25,6 M€, o que supón un incremento do 47 % con respecto aos 17,4 M€ do presente curso
  • O representante do Goberno Galego explicou que as obras desenvolvéronse nos baños, na execución de novas instalacións de fontanería e iluminación no centro e na renovación do Salón de Actos

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao CEIP Mestre Vide para supervisar o remate das obras desenvolvidas nos baños, a execución de novas instalacións de fontanería e iluminación no centro e a renovación do Salón de Actos, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu 300.000 euros.

HIPER MASIDE

O delegado territorial tras amosar o seu agradecemento a toda comunidade educativa pola normalidade coa que se desenvolveu o curso escolar, a piques de rematar, e trasladarlle os mellores desexos para o novo ano académico que principiará en setembro, subliñou que “deste xeito a Xunta de Galicia cumpre cos desexos das familias dos nenos escolarizados, pois estamos a dotar -engadiu o delegado territorial- a este centro escolar de melloras permanentes que conflúen na calidade da ensinanza dos alumnos e alumnas do concello”. Así -continuou Gabriel  Alén-  ademais deste tipo de intervencións, durante a época estival levaranse obras de reforma integral e de eficiencia enerxética dos centros para poñelos a punto de cara ao vindeiro curso.

Gabriel Alén explicou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Por iso, as novas construcións e reformas -reiterou o representante do Goberno galego- deben de ser espazos adaptados ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas. Isto é, “que reforcemos un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid onde a arquitectura teña unha orientación educativa, con espazos flexibles, adaptados a todas as circunstancias, ben equipados e que resulten cómodos” manifestou.

Actuacións

As obras consistiron na renovación total dos tódolos baños existentes no centro. Para elo tiráronse os tabiques divisorios entre inodoros, o alicatado existente e os sanitarios de todos os baños. Trala demolición fixéronse novas división en taboleiro fenólico, colócanse  novos sanitarios, tanto para nenos de infantís como de primaria. Colocando novos lavabos en aceiro inoxidable sobre taboleiro fenólico. Tamén se cambiou todo o saneamento existente, xa que, o mesmo tanto a recollida xeral coma nos propios baños estaba a dar problemas.

Así mesmo, colocouse unha nova instalación de fontanería dende o cadro de contadores a totalidade do centro; a anterior estaba en ferro con moitos problemas de roturas. A continuación procedeuse a retirada das luminarias existentes para colocación de nova iluminación en todo o centro de paneis led de 60×60 empetadas no falso teito. As mesmas luminarias colocáronse estancas nos baños e comedor.

Por último, no Salón de Actos procedeuse á renovación de escenario, sistema de audio, acoitelado e vernizado do pavimento, a carpintería con dobre cristal planiterm e perfís de aluminio anodizado con rotura da ponte térmica e a colocación de falso teito desmontable acústico de 60×60 cm. con nova iluminación en paneis led de 60×60 cm.

Plan de nova Arquitectura Pedagóxica (Compra de mobiliario)

O delegado territorial resaltou a resolución do Consello da Xunta do pasado 8 de abril pola que se deu luz verde á licitación dun expediente por case 5 M€ para a adquisición de máis de 42.500 unidades de mobiliario conforme o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno galego para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas, e que supón un investimento de 191 M€ nesta lexislatura.

A través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o Goberno galego prevé realizar medio millar de actuacións ata 2023, o que supón melloras en catro de cada dez centros escolares nos vindeiros tres anos. Trátase dunha iniciativa pioneira que busca reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa posCOVID, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe. Un dos seus eixes estruturais pasa por configurar nos centros espazos máis amplos e saudables, accesibles e inclusivos e dotados de mobiliario móbil e adaptado ás medidas de cada ciclo, abatible, amoreable e de fácil almacenamento.

Axudas ás familias para libros de texto e material escolar o vindeiro curso 2022/23

Gabriel Alén aproveitou a visita ao CEIP Mestre Vide para pór en valor a orde pola que se regula a participación no Fondo Solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2022/23, cunha dotación de 25,6 M€, o que supón un incremento do 47 % con respecto aos 17,4 M€ do presente curso.

Para o próximo ano académico, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades volve manter a flexibilización das exixencias de renda e o aumento xeneralizado das contías das axudas que aplicou no curso 2020/21 co obxectivo de reforzar o apoio ás familias ante o contexto de pandemia. Cómpre subliñar que, un ano máis, todas as familias que cumpren cos requisitos teñen cuberto de balde, case na súa totalidade, os libros e o material escolar que precisan para os seus fillos.

O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixes: o Fondo solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos en que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.