Entrega da medalla da Fundación Vicente Risco á Unión Deportiva Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

O acto de entrega da medalla tivo lugar na sede da Fundación Vicente Risco, en Allariz, o sábado 25 de xuño, ás 12:00 h.

No acto solemne a presidenta da FVR, Celia Pereira Porto, entregoulle a medalla a Carlos Quintairos Atanes, vicepresidente da UDO. No acto tamén interveu a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid.
Foi un acto moi emotivo en que a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid e a Xunta
Directiva ao completo da FVR, coa súa presidenta á cabeza, o vicepresidente
Antonio Blanco Rodríguez, a tesoureira Elvira Carregado Pazos e o secretario
Xosé Rodríguez Díaz recibiron á comitiva da UDO encabezada polos
vicepresidentes Carlos Quintairos e Javier Orbán.
Cristina Cid destacou a capacidade de unión que ten o deporte e a importancia
de ter referentes, en especial, para as xeracións máis novas.
Pola súa parte, Celia Pereira Porto, salientou o vínculo entre o labor a prol da
cultura e a lingua galega realizado pola UDO co feito no seu día pola xente da
Xeración Nós. Afirmou que resulta de vital importancia esta colaboración entre
os distintos axentes da sociedade pola nosa cultura e a nosa lingua e este é un
camiño que comeza aquí e que nos ten que levar da man moi lonxe.
A alcaldesa e a presidenta aproveitaron para darlle os parabéns ao equipo, a
través dos seus representantes, polo merecido ascenso desta campaña.

OZOCOgz Deseño Galego

Carlos Quintairos, en nome da UDO, recolleu a medalla e agradeceu este
recoñecemento, destacando o importante que resulta para o proxecto da Unión
Deportiva Ourense e o pulo que significa de cara ao futuro. A lingua oficial da
UDO é o galego dunha forma inclusiva, aberta e colaborativa, subliñou, de modo
que esta medalla supón un premio adicional e a constatación de que este é o
camiño correcto.
Cómpre lembrar que nesta tempada a UDO luciu na súa equipación simboloxía
da xeración NÓS e o logo da revista que tamén campaba no marcador do
estadio do Couto. Esta interacción entre o mundo do deporte e o da cultura é
altamente enriquecedora e racha barreiras e estereotipos para achegar
institucións e persoas arredor da idea común do sentimento de pertenza a unha
comunidade e a unha cultura, o que nos fai máis ricas e fortes.
Ao rematar o acto de entrega da medalla as comitivas realizaron unha visita á
casa museo guiada polo vicepresidente, Antonio Blanco.