A “Ourense ICC Week” leva o humor e os monólogos á Rúa

AVANTAR ACTIVIDADES

 O humor de tres grandes cómicos e actores galegos chegará á Rúa, da man da Semana das Industrias Culturais e Creativas, co espectáculo #COMICAMENTE, que se suma á programación da Ourense ICC Week, levando tamén as súas actividades culturais e de lecer a localidades da provincia. Sergio Pazos, David Amor e Ledicia Sola son os protagonistas desta cita co humor. Os tres reúnense neste espectáculo creado por Etiqueta Negra Producciones para a ICC Week e xuntos trasladarannos aos tempos do apoxeo dos monólogos, ao máis puro estilo da stand up comedy. Para os fans deste tipo de espectáculos é unha cita imprescindible, xa que condensa o mellor dos seus tres protagonistas. Terá lugar o vindeiro 3 de abril na Rúa, no centro cultural Avenida, da Rúa, ás 21.00 horas. As entradas xa están á venda en Ataquilla, e tamén o centro cultural desta localidade.

Sergio Pazos

Sergio Pazos é un actor, humorista e reporteiro nacido en Ourense en 1965. Comezou no mundo do teatro nos anos 80 da man das compañías  Caritel e CDG. Participou en varias series televisivas ata converterse nun dos reporteiros do ‘Caiga quien caiga’. En teatro, recentemente puidemos velo en ‘La muerte de Sherlock Holme’, de David Ottone (2018); nos seus propios monólogos teatralizados, como ‘Afiando con humor’ (2017-actualidade), ou ‘Se galego, my  friend & Reviento si no te lo cuento’ (2011-actualidade); en ‘La Asamblea de Mujeres’ dirixida por Juan  Echanove (2015-2017); e ‘Los Diablillos Rojos’, dirixida por Francisco Vidal (2015-2016). En cine, destacan os seus papeis en  ‘Hot  milk’ ( Dir. Ricardo  Bofill, 2003), ‘El lápiz del carpintero’ (Dir. Antón Reixa 2003), ‘Lisístrata’ (Dir. Francesc Bellmunt 2002) y ‘Muertos de risa’ (Dir. Alex de la Iglesia 1999). En canto a ficción televisiva, o seu personaxe máis memorable é o de Pepe en ‘Cuéntame cómo pasó’ (TVE, 2009-2015).

David Amor

A historia de David Amor comeza en 2001 no programa da TVG  “O Rei da comedia’’ e mais tarde participa noutros proxectos da canle. Pouco despois é seleccionado no ‘Club do Chiste’, en Antena 3, ata chegar a  Globomedia e tempo despois ‘El Club de la Comedia’. Nos últimos anos encamiñou a súa carreira cara á ficción en televisión participando nas series  ‘Gym Tony’ en Cuatro e ‘Aquí Paz y después gloria’. En 2017 participa en ‘Tu Cara Me Suena’ e posteriormente colabora en  ‘Zapeando’ de La Sexta. Sobe a escena por primeira vez en 2010 con ‘Fóra de sitio’, seguido de ‘Pasa a tomar un café’, ‘Amigos ata a morte’ -que bate todos os récords en venda de entradas no teatro en galego- e combina os shows coa súa presenza periódica nas ‘Noches del Club de la Comedia’.

Ledicia Sola

Ledicia Sola é neste momento un dos rostros máis coñecidos na televisión polo seu papel de “Elisa” na serie de Telecinco “Vivir sin permiso” xunto a José Coronado e Álex González. A serie, que bateu récord de audiencia durante a súa primeira tempada, continúa cultivando un enorme éxito de público e está dispoñible na plataforma Netflix. Licenciada en Interpretación pola Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, completou a súa formación da man de prestixiosos nomes do mundo do espectáculo deste país, así como de Londres, Nova York ou Los Ángeles. Gañadora do Premio ‘Mestre Mateo como mellor actriz de reparto’ pola película “Os fenómenos” de Alfonso Zarauza, acumula numerosos títulos cun gran éxito na súa carreira como actriz de cine, televisión e teatro. Coñecida polo gran público grazas a películas como “El patio de mi cárcel” de Belén Macías, “Contou Rosalia” de Zaza Ceballos , “Hotel Tivoli” de Antón Reixa, “Anos Despois” de Laura Gardós Velo ou series de TV como “Gran Reserva”, “Amar es para siempre” e “Seis Hermanas”, cabe destacar que tamén é unha protagonista habitual en series para Televisión de Galicia como “Pazo de familia”, “Os Atlánticos” “Rías Baixas” e “O Nordés”. Recentemente puidemos vela na serie “Serramoura”.

Máis información en www.ourenseiccweek.com