Manuel Baltar recoñece o traballo de Verino na inauguración da exposición retrospectiva do deseñador: “É un momento para crer na palabra ‘orgullo’ e neste territorio, feito con tesón e creatividade”

12.00 horas na Inauguración da exposición “40 años de #EstiloVerino”.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, asiste á inauguración da exposición “40 años de #EstiloVerino”. Lugar: Sala de Exposicións da Casa da Cultura do Concello de Verín.
IES CHAMOSO LAMAS

O presidente da Deputación participou na apertura da mostra “40 anos de Estilo Verino”, situada na Casa da Cultura de Verín e que despois percorrerá unha docena de cidades españolas 

Manuel Baltar resaltou os vencellos do deseñador con Verín, “un territorio que compartimos e do que presumimos día a día”

OZOCOgz Deseño Galego

Verino definiu esta exposición como “moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos”

A Casa da Cultura de Verín acolle dende esta mañá a exposición de fotografías “40 anos de Estilo Verino”, unha retrospectiva do traballo do deseñador Roberto Verino con imaxes de “top models” como Christy Turlington, Olatz ou Helena Christensen e fotógrafos como Eloy Lozano, Javier Vallhonrat, Jacques Olivar ou Paco Navarro. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración da mostra, acompañado polo propio Verino; o alcalde de Verín, Gerardo Seoane; a segunda tenente alcalde de Verín, Rosario Rodríguez; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; os alcaldes da Mancomunidade de Verín; deputados, rexedores e concelleiros da comarca. 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, valorou na inauguración da exposición o traballo de Roberto Verino ao longo destes anos, destacando os seus vencellos con Verín: “Demostraches que é posible. Témoste acompañado, lideráchesnos, seguímoste, e sen dúbida este é un momento único para presumir, para crer na palabra ‘orgullo’ e neste territorio, esta provincia da que formamos parte, feita a base de tesón e de compromiso pola historia e polas súas xentes, con traballo, coa emigración, somos unha provincia emigrante, pero sobre todo coa creatividade”. 

Despois de que Verino sinalase o seu “orgullo por ser verinense”, Manuel Baltar reivindicou ese orgullo de pertenza “un territorio que compartimos e do que presumimos día a día. Ver esta exposición, estes corenta anos, estas corenta fotografías e ver a Verín unida con París, con Nova York, con Christy Turlington, con Helen Christensen… Iso fai corenta ou cincuenta anos eran territorios que quizais nalgunha imaxinación ou utópica mentalidade puidera existir”. 

Baltar aplaudiu a exposición, que “resume perfectamente as características da exposición”, e avanzou o apoio do goberno provincial ó traballo do deseñador: “A Deputación de Ourense vai acompañar a empresa, que é Ourense, porque Roberto Verino é Ourense, en todo aquelo que pretenda poñer en marcha, porque temos que acompañar a todos aqueles que cren e demostran as tremendas posibilidades que é dar pasos, atravesar novas dimensións, fixar obxectivos que ao principio poden parecer irrealizables pero que tes demostrado que se poden conseguir”. 

“Moito máis que unha compilación de fotografías”, sinalou Roberto Verino

“Esta exposición é moito máis que unha compilación de fotografías dos mellores fotógrafos de moda. É unha forma de expresión propia coa que recordamos que noso estilo perdura a través dos anos. Unha muller ou home Verino pode ter unha prenda no seu armario de hai 20 anos e ser perfectamente actual no día de hoxe”, sinalou Roberto Verino na inauguración da mostra, que foi conducida pola segunda tenente de alcalde de Verín, Rosario Rodríguez.

40 fotografías, unha por cada ano da marca, na que se pode ver a evolución da propia da enseña e na que o fío condutor é un estilo propio e inconfundible que se percibe nas instantáneas. “Se nos percatamos no que nos aporta esta selección de fotos, podemos ver unha linguaxe propia que vai no noso ADN. Un código de elegancia, sen estridencias, con selo para todos aqueles que desexan estar ben consigo mesmos”, aportou o deseñador verinés. 

“Para nós, a moda pode axudarnos a ser máis equilibrados, a estar máis contentos e seguros e isto é un pilar que temos que ter en conta cando mercamos unha prenda”, asegurou Roberto Verino durante a presentación. “Eu sempre insisto no concepto da importancia de ter un bo armario emocional, con prendas que resolven o teu día a día e, que ademais, recordan bos momentos, falan da túa familia, da túa historia e de ti mesmo. Un armario desas características sempre dirá moito máis do que o defenda, aportará un estilo propio e inconfundible a todo aquel que aposte por esta forma de moda que perdura con verdadeiro propósito”, indicou o deseñador.

A exposición comeza na súa vila natal e percorrerá unha docena de cidades españolas neste 2022 e 2023, entre as que están Sevilla, Oviedo, Santander, Madrid, Santiago de Compostela ou Bilbao. A exposición estará aberta dende o 30 de xuño ao 30 de agosto e conta cunha web www.estiloverino.com