A Deputación colabora na celebración da II edición do Espírito Ribeiro

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, reuniuse co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, e avanzou a colaboración con este festival, que se celebrará o 19, 20 e 21 de agosto en este concello, Arnoia e Cenlle

 O presidente da Deputación, Manuel Baltar, mantivo unha reunión de traballo no Pazo Provincial co alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, para analizar as liñas de colaboración abertas entre ambas administracións e perfilar novas iniciativas de cooperación nos próximos meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

O presidente do goberno provincial comprometeu o apoio da Deputación de Ourense á celebración da II edición do Espírito Ribeiro, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de agosto en Arnoia, Castrelo de Miño e Cenlle, e que tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia e a Denominación de Orixe Ribeiro. 

O alcalde de Castrelo, Avelino Pazos, agradeceu o “apoio da Deputación, sempre disposta a respaldar os proxectos que presentamos os concellos”. O rexedor tamén destacou a “colaboración e cooperación con dos concellos irmáns, como son Arnoia e Cenlle, que xa o ano pasado cando lle propuximos a idea aceptaron no momento para promocionar o viño da DO Ribeiro, os produtos de proximidade e a promoción da nosa comarca, todo elo aderezado con boa música e actividades culturais”. 

Avelino Pazos resalta que o festival Espírito Ribeiro está deseñado en “clave comarca” e destaca o potencial deste evento, “o ano pasado foi un verdadeiro éxito”, e que completa un agosto no que Castrelo de Miño tamén acollerá a Coupe de la Jeunesse e a Festa da Anguía. 

Tres días de actividades

Espírito Ribeiro pivota sobre tres días de actividades en puntos clave de Arnoia -19 de agosto-, Castrelo de Miño -20 de agosto- e Cenlle -21 de agosto- arredor do río Miño, as augas termais, o deporte náutico e os produtos de proximidades. Entre as posibilidades de ocio, apunta o rexedor, os visitantes tamén poderán reservar praza no catamarán.

Segundo explican dende os concellos participantes, a proposta foi creada “a medida da proxección das terras do Ribeiro a través do seu produto máis xenuíno, o viño DO Ribeiro” e está concibida para “funcionar como panca da economía da comarca, nun momento clave en que se fai necesario repensar o turismo, promocionar o local e o valor engadido”. 

A programación abarca concertos, degustacións gastronómicas, “showcookings”, deporte náutico, termalismo e charlas de representantes do mundo da enoloxía, o turismo e a cultura. “Unha proposta pensada para difundir a riqueza cultural e histórica en que se arraiga un viño milenario, que foi conformando durante décadas a paisaxe natural e cultural dunha comarca única”