A Xunta licita por preto de 145.000 € a execución dunha parada de autobús intermodal na Estación de Ferrocarril do Carballiño

Instalarase unha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo

As obras, que favorecerán o intercambio de pasaxeiros, inclúen a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio para a resgardo dos viaxeiros das inclemencias meteorolóxicas

AVANTAR ACTIVIDADES

Os traballos enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello, polo que a Xunta achega integramente a financiación e executa a obra, e a entidade local pon á disposición os terreos e asume o mantemento e conservación da infraestrutura

As empresas interesadas no contrato teñen ata o 1 de agosto para presentar as súas ofertas

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 144.505 euros as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño.

Cos traballos licitados hoxe, a Xunta  impulsa a instalación dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.

O contrato licitado hoxe comprende os traballos necesarios para a posta en marcha da parada de autobús: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio. As empresas interesadas nestes traballos teñen ata o vindeiro 1 de agosto para presentar as súas ofertas.

Máis en detalle, co fin de acadar unhas condicións óptimas de seguridade para a subida e baixada de viaxeiros, as obras obxecto deste contrato consistirán na execución dunha parada de autobuses, configurada como illa, entre a citada avenida, a dársena de aparcamento da estación ferroviaria e os accesos á mesma.

Na intervención inclúese a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio. Ademais, o refuxio protexerá aos usuarios do transporte público das inclemencias meteorolóxicas.

Esta actuación da Xunta fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño e enmárcase no convenio de colaboración asinado o pasado mes de xuño entre a Xunta e o Concello, por importe de preto de 190.000 euros, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto das obras licitadas hoxe.

Segundo o acordo asinado, a Xunta achegará integramente o financiamento para os traballos e executará as obras; mentres que a entidade local asume a posta á disposición dos terreos necesarios para a súa instalación e o mantemento e conservación da infraestrutura ao remate dos traballos.

Con este contrato, o departamento que dirixe Ethel Vázquez dá resposta á solicitude do Concello para o acondicionamento dunha parada de autobús intermodal na parcela da estación ferroviaria do Carballiño, logo de asinar a entidade local o arrendamento da mesma co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF).

Esta actuación é susceptible de obter financiamento no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19, e ten por obxecto mellorar a calidade ambiental potenciando o uso do transporte público en detrimento do vehículo privado e facilitar unha mobilidade urbana sostible, así como incrementar os usuarios do transporte público dos dous medios de transporte