O Psdeg denuncia un “abuso ilegal” de Baltar no uso indiscriminado de contratos a dedo durante a pandemia

O psdeg-psoe denuncia un “abuso ilegal” de baltar no uso indiscriminado de contratos a dedo durante a pandemia para soster a súa “trama corrupta de intereses”

Se algo semella que está podre, cheira a podre e sabe a podre, probablemente estea podre, polo que podemos afirmar que a deputación conta cos visos de ser corrupta”, resaltou Rafa Villarino

AVANTAR ACTIVIDADES

“Estamos estudando todas as vías legais para tratar de incidir sobre este asunto”, anunciou o líder do PSOE para, entre outras cosas, lograr que o Consello de Contas “derive” os seus informes á fiscalía

Ourense, 15 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE destaca un “abuso ilegal” de Manuel Baltar no “uso indiscriminado” de adxudicacións a dedo durante a pandemia, co único fin de soster a súa “trama de intereses partidistas” para manterse na Deputación de Ourense. Os e as socialistas denunciaron hoxe que esta institución foi a única de Galicia que incrementou o uso de contratos menores durante o ano 2020, unha fórmula de concesión de cartos “discrecional e sen fiscalización”.

Segundo os datos recollidos nun estudo conxunto das universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Minho (Portugal), a Deputación ourensá foi a que máis contratos a dedo concedeu entre 2018 e 2021, disparándose especialmente durante 2020. Fronte a isto, nas tres deputacións socialistas de Galicia (A Coruña, Lugo e Pontevedra), o uso deste tipo de contratación reduciuse. Así destacaron a “diferenza abismal” entre as cifras proporcionais das catro institucións provinciais: Baltar adicou o 10,5 % do seu orzamento total a contratos menores, fronte ao 0,4 % da Coruña, o 1,5 % de Pontevedra ou o 3,8 % de Lugo.

O voceiro do Grupo Provincial Socialista, Rafa Villarino, asegurou que “alertamos á cidadanía de que todo isto estase a producir desde 2012, momento no que Manuel Baltar toma posesión como presidente da institución”, antes de resaltar que “se algo semella que está podre, cheira a podre e sabe a podre, probablemente estea podre”, polo que “podemos afirmar que esta deputación conta con todos os visos de ser corrupta”.

Os e as socialistas coinciden cos investigadores no “incremento do risco de corrupción” que supón o abuso indiscriminado deste reparto masivo de cartos a dedo. “A trama Gürtel, por citar unha das moitas que afecta ao PP, sostívose mediante o uso desmedido e indebido do contrato menor”, recordan desde o grupo antes de denunciar que “o uso de contratos menores para partir adxudicacións, que deberían licitarse dunha maneira transparente, leva unha década baixo sospeita nesta Deputación”.

O voceiro cualificou estes feitos como “unha situación lamentable” que “nunca tivo contestación” por parte do goberno conservador da Deputación porque “non o poden negar”, xa que “somos os números un en corrupción de España e dos primeiros de Europa”, polo que “Baltar xa ten outra cousa máis da que presumir”. Tamén salientou que este estudo científico sinala “con rotundidade” que este proceder na contratación pública conduce a un “incremento da pobreza” dos territorios.

“Estamos estudando todas as vías legais posibles para tratar de incidir sobre este asunto”, anunciou Villarino para, entre outras cosas, lograr que o Consello de Contas de Galicia “derive” os seus informes sobre este asunto á fiscalía, xa que “esa é unha das súas funcións” ou, no caso de que non o faga, “adoptar nós decisións máis directas”. “Vamos amparar todas as medidas legais que se adopten contra unha deputación que usa os fondos públicos desta forma”, remachou porque estamos ante “estudos científicos concretados con cifras” e “conclusións formais de órganos oficiais de fiscalización”.

Desde o grupo provincial conclúen recordando que o informe do Consello de Contas sobre a contabilidade da institución do ano 2018 xa constatou defectos graves e un abuso indiscriminado dos contratos menores a dedo.

Os datos detallados hoxe están extraídos da investigación “Covid and Public Funds: More Opportunities for a Misuse? The Case of the Intermediate Governments of Galicia” de Bruno Blanco-Varela, María Quintas-Pérez, María Carmen Sánchez-Carreira & Paulo Jorge Reis Mourão, investigadores das universidades de Santiago de Compostela, Salamanca e Minho (Portugal)