O Psdeg de Ourense reclama á Xunta de Galicia “medidas urxentes” para a posta en valor e reapertura inmediata da oficina de turismo da ponte romana

IES CHAMOSO LAMAS

Os socialistas censuran “o desprezo da conselleira Ethel Vázquez” cara a unha infraestrutura turística privilexiada, cuxa limpeza e posta a punto estaba incluída nas obras de acondicionamento da ponte

Esixen coñecer “o estado do proxecto da fonte termal anunciada por Vázquez e Pumar” e solicitan que o Concello aclare se a colocación do letreiro “OURense” se fixo sen a necesaria autorización de Patrimonio

OZOCOgz Deseño Galego

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de reclamar que a Xunta de Galicia emprenda “medidas urxentes” para a posta en valor e reapertura inmediata da oficina de turismo anexa á Ponte Romana, unha infraestrutura que permanece pechada e vandalizada dende hai preto de tres anos. Os socialistas censuran o “desprezo” da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, cara a unha infraestrutura turística privilexiada, situada “na zona máis emblemática da terceira cidade de Galicia” e “centro neurálxico do turismo ourensán”.

Así as cousas, os socialistas reclaman “accións inmediatas” por parte da Xunta de Galicia para a recuperación da oficina de turismo na Ponte Romana, que se atopa operando no número 12 da rúa Concejo, nunha localización “que pasa totalmente inadvertida para calquera de dentro e de fóra de Ourense e que, supostamente, representaba unha solución temporal mentres se acometían as obras de acondicionamento da contorna da ponte”, sinalan.

“Neste lugar, que debería ser o polo de atracción de Ourense, atopámonos cunha oficina de turismo pechada e abandonada”, denunciou o voceiro socialista municipal, Rafa Villarino, acompañado. “A limpeza e posta a punto deste edificio emblemático estaba incluída na segunda fase das obras de acondicionamento da contorna BIC da ponte, pero as obras finalizaron e este equipamento continúa no máis absoluto abandono”, lamentou, ao tempo que cualificou esta situación de “símbolo do empobrecemento termal, cultural e turístico que está a padecer Ourense”.

Ademais, os socialistas lembran que este equipamento está situado en plena Vía da Prata, un camiño polo que pasan milleiros de peregrinos, especialmente este ano con motivo do Xacobeo, ao que cómpre engadir “a chegada da alta velocidade a Ourense, que produciu un aumento significativo de visitantes e turistas que se atopan cunha oficina de información vandalizada e sen servizo, cunhas termas públicas pechadas e abandonadas, e sen ningún tipo de oferta cultural ou de lecer”.

Zona cero

Así mesmo, dende o grupo municipal socialista esixen coñecer canto antes “o estado do proxecto da fonte termal anunciada por Vázquez e Pumar” e solicitan que o Concello aclare se a colocación do letreiro “OURense” se fixo sen a necesaria autorización de Patrimonio.

“Temos motivos para sospeitar que non se solicitou o preceptivo permiso, polo que indagaremos esta cuestión”, advirten os socialistas, ao tempo que denuncian a falta de estabilidade da infraestrutura, ao atoparse sostida sobre unha plataforma metálica sen anclaxe.

Para concluír, os socialistas lamentan que o abandono da Xunta e os “cachibaches” do alcalde Jácome estean a transformar unha contorna protexida, de excepcional beleza e valor patrimonial, na “zona cero” da cidade