A Semana Grande para Pequenos inaugura a Festa do Pulpo do Carballiño cunha decena de actividades na Praza Maior e na Veracruz

-Do 1 ao 5 de agosto, de 19.00 a 21.00 horas, para os nenos e nenas ofrécense obradoiros, inchables ou maxia, entre outras actividades

-Diego Fernández, concelleiro de Cultura: “Esta iniciativa colleitou un gran éxito nos últimos anos e así será nesta nova edición”

AVANTAR ACTIVIDADES

A Festa do Pulpo do Carballiño medra cada ano que pasa, ao mesmo tempo que o fai o interese da programación cultural que a acompaña. Estréase este ano a declaración de interese turístico internacional e a Semana Grande para Pequenos inaugurará os festexos. Do 1 ao 5 de agosto ofreceranse actividades en dous escenarios: de luns a xoves na a Praza Maior e o venres na Praza Veracruz. Será en horario de 19.00 a 21.00 horas e nesta edición agárdase un éxito de participación, xa que a acollida por parte das familias vai en aumento. O programa foi presentado esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Hugo Suárez, representante de empresa Avatel Telecom, operadora de fibra óptica.

O edil anunciou que haberá inchables, obradoiros, maxia e música, entre outras propostas. Ademais, programouse unha festa da escuma para a última xornada. Tamén subliñou que “a Semana Grande para Pequenos colleitou un gran éxito nos últimos anos e así será nesta nova edición”. Fernández tamén agradeceu á empresa a súa colaboración para que os nenos e nenas poidan participar nun amplo programa de actividades. O programa detallado é o seguinte:

Luns, 1 de agosto: Inchable, obradoiro.

Martes, 2 de agosto: Inchable, coches a pedais, mini obradoiro.

Mércores, 3 de agosto: Obradoiro de maxia.

Xoves, 4 de agosto: Inchable, obradoiro.

Venres, 5 de agosto: Festa da escuma.

Pola súa banda, Hugo Suárez, felicitou ao Concello do Carballiño pola organización da programación e por deixar que a empresa que representa poida colaborar para favorecer o entretemento dos máis pequenos.