Juan Carlos Francisco: “Juanjo Vilachá é o adestrador ideal para o ascenso”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

No Estadio José Arjiz presentouse esta tarde o equipo técnico do Verín C. F.,
comandado un ano máis por “Juanjo” Vilachá.
― O plantel verinense comezará os adestramentos o vindeiro luns día 1 de agosto.
O primeiro encontro de pretempada xogarao o día 13 de agosto, nun triangular
en Verín coa UDO e o equipo luso de Bragança

– Juan Carlos Francisco, presidente do Verín Clube de Fútbol,
presentou esta tarde ao equipo técnico que perseguirá, como así o deixou claro na rolda
de prensa, o ascenso de categoría. No mesmo acto tamén se anunciou o calendario de
pretempada que se inaugurará o vindeiro 13 de agosto na vila verinense, nun triangular
no que participará a Unión Deportiva Ourense e o Bragança portugués.
Francisco Rivera, na presentación do corpo técnico, reafirmouse no claro obxectivo que
fixa a dirección para esta tempada 2022 – 2023: “Todos sabemos ao que vimos aquí.
Este é un clube humilde pero que precisa dar pasos cara adiante en prol de acadar a
categoría axeitada”, subliñou.
O presidente do Verín Clube de Fútbol deu a benvida a “Juanjo” Vilachá, que por
segundo ano consecutivo dirixirá ao vestiario verinense: “Deséxoche toda a sorte do
mundo, porque a túa sorte será a nosa. Sabes que estamos facendo as cousas coa
mellor vontade posible, que estamos facendo todo o que está nas nosas mans para ter
un plantel das máximas garantías e este ano non podemos fallar”, indicou Juan Carlos
Francisco.
“Todos sabemos ao que vimos”
“Juanjo” Vilachá recolleu perfectamente a mensaxe do seu presidente e afirmou que
“téñoo moi claro, todos sabemos ao que vimos este ano e non podemos escondelo: o
ascenso de categoría”.
A Vilachá acompañarano, nas labores técnicas, Bernardo Seara Seara -segundo
adestrador-, Miguel Varela Vázquez “Michi” -adestrador dos porteiros-, David Vázquez
Diéguez -preparador físico- e Roberto Tejero -readaptador-, o único que non acudiu,
por motivos profesionais á presentación do “staff” deportivo.
Pretempada
“Juanjo” Vilachá confirmou o calendario de preparación para a competición regular, que
arranca o vindeiro 11 de setembro. Así, o primeiro partido que disputará o Verín Clube
de Fútbol será o 13 de agosto, no torneo triangular “Trofeo Vila de Verín” que terá lugar
con motivo da celebración da Feira do Viño de Monterrei e no que tamén competirán a
Unión Deportiva Ourense e o Grupo Desportivo de Bragança portugués.
O día 17 de agosto, no Estadio José Arjiz, o Verín Clube de Fútbol recibirá ao Ourense
Clube de Fútbol. Tres días despois desprazarase ata Bragança (Portugal) para disputar
un novo encontro preparatorio.
Rematará o mes de agosto -día 27- participando nun torneo triangular co Polígono
Industrial de Ourense a domicilio, no que tamén estará a Unión Deportiva da capital.
A pretempada concluirá para o Verín C. F. o día 3 de setembro na Peroxa (Ourense),
nun amistoso co equipo da localidade a domicilio, no estadio do Marco.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO