O concello adxudica o proxecto de museización da Fábrica do Papel, que prevé esté inaugurado en marzo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta mañá, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, anunciaba que hoxe mesmo se procedera á adxudicación do proxecto de museización da Fábrica de Papel. A este concurso público presentáronse tres empresas, e a adxudicataria foi unha valenciana, que ademais permite abaratar o custe do proxecto en 30.000 euros, ata un total orzamentado de 170.000 euros, que será financiado pola Xunta de Galicia.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Dentro deste proxecto, contémplase que os visitantes poidan facer eles mesmos papel en directo a través de papel xa usado, dándolle unha nova vida. O alcalde explicounos máis detalles sobre o proxecto, no que no andar baixo terá tres zonas: encolado, bruñido e preparación de papel. Nesta zona tamén haberá expostas mostras de papel antigas que se foron recuperando.

No primeiro andar estará todo o proceso de tendido do papel e unha explicación e mostra da creación do papel na comarca do río Arenteiro. No segundo andar crearase un auditorio para 40 persoas e unha visión xeral de todo o que será a fábrica. Fora do proxecto, e financiado polo concello, estase redactando a creación dos mazos exteriores, que será elaborado por un artesán local.

O prazo de execución será de seis meses, tres neste ano e outro tres no próximo, e o alcalde conta que para o mes de marzo ou abril de 2023 poida ser inaugurado. O concello colaborará ca Xunta para que este sexa o Museo do Papel de Galicia e estea integrado na rede de museos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------